Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inviste máis de 90.000€ na mellora da estrada de Vilachá á Estación da Pobra do Brollón por Rozabales

Deputación de Lugo
Pilar García Porto - Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou o proxecto e a licitación para a mellora de 8 quilómetros da estrada LU-P-4702, na que a institución xa actuou noutros 1,2 quilómetros

Luz verde ás solicitudes dos concellos do Incio e Baleira para investir un importe total de 56.500€ de remanentes do Plan Único 2020 na mellora de accesos e o formigonado dun camiño, respectivamente

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou o proxecto e a licitación das obras de mellora en 8 quilómetros da vía LU-P-4702, que une o núcleo urbano de Vilachá coa Estación da Pobra do Brollón por Rozabales, no concello da Pobra do Brollón, cun orzamento de 92.500€. Levaranse a cabo melloras entre o punto quilométrico 2,570 ata o 10,400 nun prazo de tres meses. 

García Porto informou de que o proxecto inclúe “a reapertura de cunetas e o posterior formigonado da vía provincial”. Esta vía xa foi renovada entre os puntos 1,200 e 2,400 e, polo tanto, con este arranxo quedaría rehabilitada do punto quilométrico 1,200 ao  10,400.

“A Xunta de Goberno desta semana é un exemplo máis do compromiso deste Goberno e do Presidente coa rede viaria provincial. Cada venres estamos aprobando novas actuacións importantes nas estradas de titularidade provincial, o que dá boa conta de que a mellora das comunicacións é unha prioridade”, destacou a Deputada provincial. 

Así mesmo, deuse o visto bo á redacción do proxecto modificado e a continuación das obras en catro estradas do concello de Ourol. García Porto aclarou que “este modificado realízase para mellorar as condicións nas que quedarán as estradas”. Afecta ás vías provinciais LU-P-6602, de Ruanova a Muras entre o punto quilométrico 18,550 e o 19,095; a dous tramos da LU-P-3805, de Sixto a Campo do Foxo, do inicio ao 0,953 e do 11,240 ao 14,917; aos primeiros 2,676 quilómetros da LU-P-3808, que une Foxo con Portapena; e aos 200 primeiros metros da vía  LU-P-6406, de Cristo da Portapena a Ponte Segade. 

Este modificado supón un incremento do prezo nuns 48.200€ polo que o orzamento para estas catro vías será finalmente duns 300.000€. Os traballos, que comezaron en abril, teñen un prazo de execución previsto de 6 meses e consisten na limpeza de cunetas, drenaxe e estendido de aglomerado en quente.

Así mesmo, en materia da rede viaria provincial tamén se deu luz verde ao expediente de expropiación para a realización de melloras na LU-P-0210, que vai da Seara, en Alfoz, a San Acisclo, no concello de Foz. Esta aprobación permitirá que se leve a cabo esta obra á maior brevidade. O acondicionamento desta vía, cun orzamento de case 119.000€, inclúe o ensanche, o estendido de aglomerado e a dotación de iluminación  e beirarrúas co fin de mellorar a seguridade na estrada.

 

Mellora de accesos 

A Xunta de Goberno deste venres tamén aprobou as solicitudes dos concellos do Incio e Baleira para investir remanentes do Plan Único 2020 por un importe total de 56.500€.  O municipio da comarca de Sarria solicitou empregar 43.000€ para o acondicionamento e a mellora de accesos nos núcleos de Romariz e Santo Eufrasio. Pola súa banda, Baleira destinará 13.500€ para o formigonado dun camiño na Carraceira. 

 

Nova taxa ás eléctricas

Por outra banda, a voceira socialista do Goberno explicou que na Xunta de Goberno aprobouse a addenda ao convenio entre a Deputación e 55 concellos para a realización dos traballos necesarios para que poidan implantar unha nova taxa municipal ás empresas de electricidade e gas polo uso que fan dos bens de dominio público para o transporte da enerxía. “A addenda débese a adhesión dos concellos de Ourol e Lugo” a este proxecto de cooperación da Deputación cos concellos da provincia. “Dende o 1 de febreiro, a empresa adxudicataria do contrato de asistencia técnica para materializar este convenio xa se está a realizar o preceptivo inventario  das redes de electricidade e gas dos concellos adheridos”, sinalou a García Porto. Os técnicos responsables estiman que estes traballos rematarán en setembro.