Deputación de Lugo

O Presidente destaca a proxección internacional que ten para a provincia o Encontro de Torneiros de Xermade

Encontro Internacional de Torneiros da Madeira
Xermade
José Tomé participou na presentación da 21ª edición do certame, que se se celebrará entre os días 17 e 19 de setembro baixo o formato habitual con demostracións en vivo e cun protocolo Covid adaptado á situación sanitaria

O mandatario provincial destacou que, ademais de conservar un oficio tradicional, estes encontros poñen de relevo a importancia do sector da madeira na provincia e a necesidade de darlle valor engadido coa súa transformación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes na presentación do XXI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade, que se celebrará entre os días 17 e 19 de setembro baixo o formato habitual con demostracións en vivo e cun protocolo Covid adaptado á situación sanitaria.

No acto, celebrado na biblioteca municipal de Xermade, participaron o Alcalde e Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a directora da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, e o presidente da Asociación Amigos da Madeira, Alfonso Franco.

O Encontro de Torneiros volverá a ser este ano presencial, tras celebrarse en 2020 unha edición telemática adaptándose á situación sanitaria provocada pola pandemia. Este ano, tal e como se anunciou na presentación, contará con demostracións en vivo de torneiros, así como puntos de venda de distintos produtos artesanais de madeira. Nesta ocasión, contará coa presenza de expertos e profesionais da artesanía, como o francés Romuald Clémenceau; o oscense Fran Ferrer e os galegos Lolo Castro e Adrián Pena.

O Presidente destacou a importancia deste encontro “co que colaboramos dende a Deputación de Lugo pola proxección nacional e internacional que supón para Xermade e para toda a provincia de Lugo, e porque pon en valor unha materia prima como a madeira, na que a nosa provincia é unha potencia”. “Despois de dúas décadas, este Encontro de Torneiros converteu ó concello de Xermade nun referente internacional desta modalidade de traballo da madeira. Por aquí teñen pasado especialistas, homes e mulleres, de Galicia e de toda España, pero tamén de todo o mundo” para mostrar “traballos que oscilan entre as pezas tradicionais da artesanía e as obras de deseño vangardista, unha variedade que supón un dos grandes acertos desta cita”, asegurou o mandatario provincial.

Tradición e innovación

O Presidente gabou o labor do Concello de Xermade “para conservar un oficio tradicional, que deixaba a súa pegada no mobiliario cotián das casas, nos ornamentos dos retablos ou en pezas de instrumentos musicais”. “Pero xunto coa tradición, estes encontros apostan pola madeira como un material co que se pode innovar, ben no ornamental, ben no funcional.  Madeira e deseño de vangarda camiñan da man”, engadiu.

Neste sentido, José Tomé recordou que estes encontros alíñanse coa tendencia de revitalización e de recuperación do uso da madeira que rexurde con forza nos últimos anos. “A necesidade de camiñar cara unha economía circular, usando materiais sostibles, está impulsando a utilización da madeira mesmo como material de construción de edificios”, lembrou.

O Presidente destacou o potencial do sector forestal e da madeira da provincia de Lugo: “Galicia lidera a produción madeireira en España, e a nosa provincia aporta un terzo desa produción. Este sector crea aproximadamente a metade do emprego nos concellos do interior da provincia”, afirmou José Tomé, quen incidiu na necesidade de apostar por crear valor engadido coa transformación da madeira. “A explotación racional e sostible do monte é, en si mesma, unha fonte de riqueza, porque crea actividade económica e emprego, pero tamén porque favorece a ordenación do territorio, o que frea o seu abandono e contribúe á prevención de lumes forestais. Pero a verdadeira riqueza, o punto diferencial, pasa por aportar valor
engadido á materia prima, é dicir, pasa pola transformación da madeira en produtos elaborados”, asegurou.