Deputación de Lugo
Infraestruturas
Turismo

A Deputación saca a contratación o equipamento da residencia de Navia de Suarna por máis de 310.000€

Deputación de Lugo
rede viaria provincial
turismo
A Deputación saca a contratación o equipamento da residencia de Navia de Suarna por máis de 310.000€
“Seguimos avanzando para cumprir coa previsión de abrir este Centro de Atención a Maiores a finais de ano”, subliñou o Presidente, quen tamén informou dun cambio no contrato de enerxía eléctrica da Deputación para incorporar o subministro para a residencia de Meira, que entrará en funcionamento este verán

A Deputación licita o contrato para a prestación durante dous anos do servizo de conservación e mantemento dos 4.200 quilómetros de estradas provinciais, ao que destina un investimento de case 7M€

A Xunta de Goberno aprobou colaboracións económicas por un importe conxunto de 110.000€ para a celebración da AR World Championship –o campionato do mundo de carreiras de aventuras- e do Resurrection Fest 2021, co que “contribuímos á promoción da provincia de Lugo a nivel nacional e internacional”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou este venres de que a Xunta de Goberno aprobou sacar a contratación o equipamento do Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna cun orzamento que supera os 310.000 euros, un novo paso “co que seguimos avanzando para cumprir coa previsión de abrir esta residencia a finais de ano”, subliñou José Tomé.

O contrato está dividido en cinco lotes -mobiliario xeral; equipos médicos, xogos e material pedagóxico e axudas; lavandería; pequenos electrodomésticos e material de limpeza; e cortinaxe-, nos que se inclúe a compra de 30 camas de 105cm de ancho destinadas aos residentes, ao igual que no centro de Meira, ou mobiliario exterior, que se situará na cuberta transitable da residencia, dando un uso común ao espazo. O prego tamén contempla a compra de dúas lavadoras e dúas secadoras, ambas de capacidade industrial, que facilitará o traballo ao cadro de persoal.

Con respecto ás residencias provinciais, o Presidente tamén destacou que a Xunta de Goberno aprobou a modificación do contrato de enerxía eléctrica da Deputación co fin de incorporar o subministro de electricidade en alta e baixa tensión para o Centro de Maiores de Meira, que entrará previsiblemente en funcionamento este verán.

O Goberno da Deputación abriu tres residencias no que vai de mandato –as da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita-, que se sumaron ás outras tres que estaban xa en marcha –Trabada, Ribadeo e Pol-. 


7M€ para a rede de estradas provinciais

A Xunta de Goberno aprobou a licitación do contrato para a prestación do servizo de conservación e mantemento dos 4.200 quilómetros de estradas de titularidade provincial, ao que a Deputación destina preto de 7M€ durante dous anos.

O Presidente explicou que o contrato licitado está dividido en 8 lotes, un por cada zona da rede de estradas, “co fin de poder actuar dun xeito máis áxil e eficaz, sobre todo tendo en conta a enorme extensión de estradas coa que contamos”. Inclúense todas as tarefas necesarias para a conservación e o mantemento das estradas, e para a atención de emerxencias, causas sobrevidas e inclemencias meteorolóxicas que afecten á rede viaria provincial.

José Tomé destacou que os pregos que rexen este contrato inclúen cláusulas sociais que garanten os dereitos dos traballadores, que favorecen o emprego feminino e o de persoas maiores de 50 anos na obra pública, o emprego fixo e de calidade, e a protección do medio ambiente.

Así mesmo, o mandatario provincial recordou que “a mellora da mobilidade é unha das liñas de traballo fundamentais deste Goberno porque é un factor que contribúe de maneira importante ó equilibrio territorial, á calidade de vida das persoas e ó desenvolvemento económico do territorio”. Mostra diso é que nos Orzamentos deste 2021 subiu nun 14% a dotación económica destinada ás estradas, chegando aos 16M€, o 20% do total do presuposto co que conta a Deputación.

 

Promoción da provincia

Outros dos asuntos que saíron adiante na Xunta de Goberno deste venres foron colaboracións económicas por un importe conxunto de 110.000€ para a celebración de dous eventos “de proxección nacional e internacional, co que contribuiremos á promoción da provincia de Lugo dentro e fóra de Galicia e, con elo, á recuperación da actividade turística, hostaleira e comercial, sectores dos máis afectados polo impacto da pandemia”, explicou o Presidente. 

Trátase, por un lado, dunha aportación de 60.000 euros a través dun contrato de patrocinio para colaborar coa organización da AR World Championship 2021, o campionato do mundo de carreiras de aventura, que se celebrará no mes de outono nas catro provincias galegas durante unha semana. Disputarase na súa totalidade ao aire libre ao longo de 630 quilómetros con disciplinas como o trekking, mountain bike, kayaking, espeleoloxía, orientación e probas especiais de cordas. 

“Dende a Deputación de Lugo decidimos colaborar con esta proba deportiva de primeiro nivel porque se trata dunha oportunidade excepcional para mostrar ó mundo o noso patrimonio. Estamos convencidos de que acoller este campionato e apoiar a súa organización terá un retorno en termos económicos e de promoción moi importante para a nosa provincia, tanto a curto como a medio prazo”, explicou José Tomé.

Por outra banda, aprobouse o contrato de patrocinio para colaborar cunha aportación de 50.000 euros coa nova edición do Resurrection Fest de Viveiro, “unha das citas musicais e culturais de referencia na nosa provincia, pero tamén a nivel nacional e internacional”, detallou o Presidente.

Este evento musical adáptase á situación sanitaria celebrando concertos en formato reducido os días 28 e 29 de agosto e, ao mesmo tempo, levaranse a cabo retransmisións en directo dos concertos e de outras edicións.

“O impacto económico que ten o Resurrection Fest para o concello de Viveiro e para a toda A Mariña está máis que contrastado. Estamos falando dun festival que na súa última edición contou con 103.000 visitantes. Un evento que xera, segundo ten estudado a Universidade de Santiago, 9 millóns de euros de retorno económico e que consegue unha proxección internacional equivalente a unha campaña publicitaria de 14 millóns de euros”, explicou o Presidente, quen lembrou que a Deputación de Lugo “apostou dende o principio por este festival. O apoio desta institución foi clave para que o Resu saíse adiante e contribuíu, ano tras ano, de maneira moi importante para que se fose consolidando, e que sexa o que é a día de hoxe: unha cita de sona internacional á que acoden miles de persoas”.

 

Granxa Gayoso Castro

A Xunta de Goberno de hoxe adxudicou á empresa Almacenes Avelino S.L. o contrato de subministro de palla para o gando da Granxa Gayoso Castro por un importe de case 14.000 euros e unha duración dun ano, con posibilidade de prórroga por dous máis. Tamén se aprobou a tramitación do procedemento para o alleamento, a través da celebración dunha poxa, de 55 cabezas de ganzo bovino de raza frisoa e cachena da Granxa Gayoso.

 

Remanentes do Plan Único

Así mesmo, saíron adiante as solicitudes de Barreiros e Sober para investir remanentes do Plan Único 2021 noutras accións. Por unha banda, o Concello mariñán dedicará 26.000 euros á pavimentación de accesos en Rigueira, Vilar, Porto de Bois, Lamela, Escanlar, Canteiro e Sarxendez. No caso do Concello de Sober, destinará case 18.000 euros á rexeneración do pavimento nas Chouselas, O Boqueiriño e Cividade.