Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación de Lugo colabora coa Sociedade Micolóxica Lucus na edición dun novo número da revista Micolucus

Micolucus
convenios
Trátase da oitava edición dunha publicación anual que afonda no coñecemento da micoloxía e a divulgación. Na actualidade distribúese en máis de 60 localidades de 14 países

A Deputación de Lugo colabora un ano máis coa Sociedade Micolóxica Lucus na edición da revista Micolucus. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, asinaron un convenio de colaboración no Pazo de San Marcos para promover un novo número desta publicación. 

Trátase da oitava edición dunha publicación que recolle traballos de investigación e divulgación, da que se farán 900 exemplares. A subvención que destina a Deputación é de 3.500 euros, co obxectivo de poñer en valor e promover o coñecemento da micoloxía, a natureza e o medio ambiente na provincia de Lugo.

Esta publicación anual, caracterizada polo amplo rigor científico, está composta por artigos dunha alta calidade informativa elaborada por profesionais recoñecidos. Dende o seu nacemento, esta publicación de corte multidisciplinar acadou un impresionante éxito, observándose un grande e crecente interese nela. 

A revista distribúese actualmente en máis de 60 localidades de 14 países, o que permite achegar o patrimonio natural lucense a outros territorios. 


Sociedade Micolóxica Lucus
A Sociedade Micolóxica Lucus celebra este ano o seu vixésimo aniversario. Fundouse en 2001 pola iniciativa dun grupo de afeccionados á micoloxía e cos obxectivos de fomentar os valores naturais lucenses e achegar esta ciencia á cidadanía coa posta en marcha de cursos de micoloxía. 

Forma parte dos órganos de participación das Reservas da Biosfera do Miño e Ancares, xestionadas pola Deputación de Lugo. A publicación incorporará artigos sobre as Reservas da Biosfera, nos que se difundirá información sobre a actividades e accións que se desenvolven neste territorio.