Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente destaca o valor da 41ª Feira do viño de Amandi para a promoción do enoturismo lucense

enoturismo
Feira do Viño
Amandi
Sober
A Deputación de Lugo colabora a través do Plan Único con esta cita que este ano terá que adaptar a celebración á situación sanitaria permitindo o acceso en varias quendas

Tomé Roca sinala que o evento, recoñecido de interese turístico, “impulsa o patrimonio vinícola da provincia e xera un efecto multiplicador que axuda a fomentar a actividade da hostalería, do turismo e do comercio local”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores na inauguración da 41ª edición da Feira do Viño de Amandi, que se celebrou no Concello de Sober. A cita, que tivo que ser adiada ata o verán con motivo da crise sanitaria, conta cunha achega da institución provincial de case 9.700 euros a través do Plan Único de Coperación cos Concellos para contribuír a promoción desta festa, declarada de interese turístico, na que se promove a cultura vitivinícola de Amandi, unha das subzonas incluídas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra. 

Tomé Roca destacou a importancia deste evento que sirve de “escaparate de promoción dos caldos da Ribeira Sacra e para o enoturismo desta comarca”. “O turismo vinícola é un aliado excelente da promoción do territorio, un reclamo que atrae visitantes á zona e que, polo tanto, axuda a fomentar a actividade da hostalería, do turismo e do comercio local, sectores que resultaron dos máis afectados polas restricións provocadas pola pandemia”, engadiu o mandatario provincial.

José Tomé tamén tivo unhas palabras para a cantante Eva Amaral, que foi a pregoeira desta cita que se ven celebrando interrompidamente dende 1982 para dar visibilidade aos caldos de Amandi. “Eva Amaral podemos dicir que é unha veciña, de adopción, da Ribeira Sacra. Está facendo un gran papel de embaixadora desta terra, como a min me gusta dicir, deste paraíso no interior de Galicia”, sinalou o Presidente.

Os viños de Amandi cultívanse nas fortes pendentes das ladeiras dos canons do Sil. Unha orografía que dificulta moito o traballo nas vides, razón pola que esta viticultura é chamada heroica. Os viños contan con D.O Ribeira Sacra desde o ano 1996 e o seu viño Mencía está considerado como un dos mellores viños tintos de Galicia.