Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación adxudica a mellora dun novo tramo da estrada provincial que enlaza os areais de Barreiros

Barreiros
Deputación de Lugo
mellora dun novo tramo da estrada provincial que enlaza os areais de Barreiros
A institución provincial inviste máis de 120.000€ nesta fase, que comprende do quilómetro 1,400 a 3,400, tras destinar 91.300€ ó treito que vai do punto quilométrico 3,400 a 5,400

O compromiso do Presidente é que neste mandato esta vía estratéxica para Barreiros e a Mariña quede totalmente renovada

A Deputación de Lugo adxudicou as obras de mellora e rehabilitación dun novo tramo do firme da estada provincial LU-P-0610, no concello de Barreiros, cun investimento de 120.777€. Esta vía dá servizo a numerosos veciños mariñáns e visitantes, xa que serve de enlace para as praias de Altar, Reinante e a glorieta das Catedrais, algúns dos areais máis visitados durante a época estival.

Os traballos, que consistirán na limpeza de cunetas, estendido de aglomerado e,  posteriormente, o pintado e a instalación da sinalización vertical, acometeranse entre os quilómetros 1,400 e 3,400, cun prazo de execución de 9 meses. A institución provincial xa investiu 91.300€ nesta vía estratéxica para Barreiros e a comarca da Mariña, para mellorar o tramo que vai do punto quilométrico 3,400 ao 5,400, e o compromiso do Presidente, José Tomé Roca, é que neste mandato a estrada quede totalmente renovada.

O mandatario provincial enmarcou esta nova actuación na rede de estradas na aposta da institución por mellorar a mobilidade para favorecer o reequilibrio territorial.