Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Feira de Artesanía e Produtos Naturais de Samos cunha achega de 4.000€

Deputación de Lugo
Samos
A Deputación colabora coa Feira de Artesanía e Produtos Naturais de Samos cunha achega de 4.000€
O Presidente asistiu á decimo terceira edición desta cita celebrada no Campo da Festa da Ponte de Lóuzara e que conta cunha achega provincial a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos

A feira reúne 25 expositores de toda Galicia, que dan a coñecer produtos de artesanía e gastronómicos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu á décimo terceira edición da Feira de Artesanía e Produtos Naturais da Ponte Lóuzara, no concello de Samos. Esta cita conta cunha achega de 4.000€ a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos da institución provincial. Tomé Roca, acompañado do Alcalde de Samos, Julio Gallego Moure, e outras autoridades, percorreron algúns dos postos da feira con produtos tradicionais e naturais.  

José Tomé destacou que esta cita “contribúe a dinamizar a vida social e económica do concello de Samos dende 2008, cando naceu co obxectivo de recuperar a antiga feira que se celebraba neste espazo” e engadiu que estas iniciativas son “agora un revulsivo moi necesario para a recuperación do sector turístico, hostaleiro e do comercio local fronte ao impacto das restricións provocadas pola pandemia. Onde hai actividades de lecer, hai consumo”.

A Feira da Ponte Lóuzara deu cita ao longo deste martes a 25 expositores de toda Galicia, reducindo case á metade o aforo respecto a edicións anteriores. Durante toda a xornada haberá animación musical.

 

Plan Único

A Deputación de Lugo achega 281.445€ este ano ao concello de Samos a través do  Plan Único. O 56% do orzamento, máis de 158.000€, están destinados a obras como a mellora de pavimentacións en distintos núcleos urbanos ou construción dun muro de mampostería e a reconstrución da soleira de formigón na praza de Vigo do Real. O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) conta cunha achega de 14.320€ e o fomento do emprego beneficiarase con case 90.000€.

Tanto a Feira do Turismo e do Peregrino como a Feira da Artesanía e os Produtos Naturais reciben unha axuda de 14.000€. Doutra banda, a administración electrónica supera os 4.600€ de orzamento e as actividades culturais, para a impresión dun libro, conta cunha achega de 1.500€.