Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Economía sostible e educación ambiental arredor da apicultura na montaña lucense

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
SON DE LUGO
EL PAÍS DEL ABEYEIRO
educación ambiental
A plataforma Son de Lugo, impulsada por Medio Rural, ofrece unha canle de venda directa a proxectos produtivos como El País del Abeyeiro, en Negueira de Muñiz


Retornar para valorar.  O camiño de volta que trazou Alberto Uría cara a súa aldea familiar, Pena da Nogueira, en Negueira de Muñiz, foi a orixe dun proxecto de vida que el mesmo define como a recuperación do mel, do país. Nun exercicio de absoluto respecto á natureza e empregando métodos artesanais, desde El País del Abeyeiro foron quen de desenvolver a súa idea inicial ata incrementar a produción en dúas toneladas de mel anuais que saen da montaña lucense e se comercializan en diversos lugares do territorio. 

“Volver a facer o mel que facía o meu avó”. Con esa premisa comezou a distribuír colmeas por varias aldeas dos municipios de Ibias  e Negueira de Muñiz, co obxectivo de contribuír a preservar o patrimonio cultural e fomentar a biodiversidade a través da apicultura tradicional. O monte de Outurelos, que dá nome comercial aos seus produtos, segue a ser testemuña directa dos procesos de polinización que facilitan a produción do mel das abellas, un produto de calidade que recupera os sabores e aromas que semellaban esquecidos. 

Nun contexto de globalización sen límites e permanente destrución dos entornos naturais, a aposta polo artesanal, polo respecto animal e a protección dos paisaxes constitúe un ben cada vez máis prezado, que a área de Medio Rural apoia coa inclusión da marca na plataforma de venda directa en liña Son de Lugo. Para Uría é moi necesario sumarse a todas aquelas iniciativas que persigan fins iguais ou parecidos aos seus: loitar por un rural vivo e diferenciar a súa marca xunto a doutros moitos produtores da provincia. A decisión de Uría de volver da súa cidade natal, Oviedo, á aldea familiar, pode considerarse mesmo transgresora aos tempos, tendo en conta a crecente despoboación que afecta ao noso rural e que atopa nestes proxectos asentados no territorio unha válvula de osíxeno imprescindible. 

Esta idea de negocio vencellada ao campo medra sen parangón diversificando a súa visión, ampliando a súa razón de ser coa educación para a sostibilidade e a preservación do patrimonio natural e cultural. Así nace o Ecomuseo El País del Abeyeiro, un centro de formación e educación apícola e ambiental na rehabilitada casa de pedra da Familia Xegunda, en Pena da Nogueira. Neste lugar de 160 metros cadrados realiza a súa actividade principal ao redor de dous conceptos fundamentais como son a apicultura tradicional e os polinizadores silvestres. Preséntase como punto de encontro para afeccionados á apicultura, ás tradicións e ao medio ambiente, e realiza ao longo do ano principalmente tres actividades: visitas guiadas ao Ecomuseo, rutas botánica guiadas polo territorio e catas de meles. Este espazo conta cunha zona de taller, unha parte expositora e tamén inclúe unha sala de audiovisuais onde se realizan conferencias, cursos e obradoiros de temática ambiental.

A literatura tampouco se lle resiste ao creador de El País del Abeyeiro, nome que recibe tamén o seu libro autoeditado en decembro do 2018. O traballo ofrece a través das verbas do autor, acompañadas por ilustracións en acuarela, unha visión da paisaxe rural, de espazos naturais entre pequenas aldeas que nos convida a volver, a permanecer, a protexérmonos do xerme da autodestrución. O lume que arrasa os nosos montes prendeu a pulsión interna de Alberto Uría, culminando este proxecto literario coas acuarelas de Fernando Fueyo, e o prólogo do paleoantropólogo Juan Luis Arsuaga e o botánico especialista  en  árbores monumentais  Bernabé Moya.

Dignificar a vida da aldea e conservar o legado dos maiores, un propósito que Alberto Uría, coa axuda inestimable da súa nai, ten conquerido dando exemplo a través das súas mans e dos seus coñecementos. Porque a economía e a sostibilidade nunca deberon deixar de ser boas compañeiras de viaxe.