Medio Rural apoia a comercialización de produtos da horta

A agricultura da provincia de Lugo vai atopando un relevo xeracional esperado e necesario. A historia de Javier Miranda é a dun mozo apaixonado polo campo que puxo en pé con tan só 29 anos a súa propia empresa a base de sortear obstáculos para saír adiante. Unha aprendizaxe que herda da súa familia, do sacrificio e esforzo que implica vivir da agricultura nun contexto excesivamente competitivo.
Como moitos outros labregos, a granxa familiar de Miranda na súa casa natal da Ferrería, en Riotorto, pechou a causa dos prezos abusivos do leite. Sabía que as vacas non garantían o seu futuro, pero viu na horta unha alternativa sustentable a longo prazo. Aínda que “as contas que eu botaba na miña libreta non se traduciron nunha realidade ao comezar co proxecto”, este novo emprendedor botou a andar a súa empresa “Hortícolas Javier Miranda” no ano 2012.
Pero non hai éxito sen sacrificio: en menos de dez anos pasou de plantar unha hectárea de repolos a producir e traballar actualmente setenta e seis hectáreas. Patacas, fabas, cebolas, xudías, pepino, cabaciña, verza, acelga, coliflor, pemento ou berenxenas que distribúe directamente en Galicia e Asturias, ampliando as vendas a través da Internet a toda España.
“Depender das grandes empresas condicionaba moito a produción, polo que comezamos coa venda directa facéndonos cargo da distribución, primeiro alugando furgonetas, despois comprándoas e ampliando cada vez a máis rutas segundo a demanda”. Así foi como se foron facendo un oco no sector agroalimentario, defendendo a calidade dos produtos de proximidade sobre outros almacenistas e os prezos dignos como garantía da subsistencia do sector.
Despois de case unha década en funcionamento, a empresa de Javier Miranda dá emprego estable a quince persoas ao longo do ano, número que aumenta nas campañas ata vinte e cinco persoas e contribúe a fixar poboación, especialmente moza, nun concello pequeno como Riotorto. “A chave está en rodearse de xente preparada e formada, especializada no seu traballo e que teña ilusión e gañas por levalo adiante e motivar ao equipo”.
Pasar dunha economía de autoconsumo exclusivamente ao volume de produción actual non foi un camiño sinxelo. O veto ruso á importación de produtos e a corentena obrigada da couza guatemalteca puxeron freo á produción nos primeiros anos da empresa. “Sobrepoñerse, non quedaba outra opción, e aproveitar as oportunidades que se atopan tras das crises”. Salvaron as primeiras colleitas buscando clientes da provincia de Lugo e de Asturias, subministrando directamente ao pequeno comercio e restaurantes. E tamén cando chegou a prohibición da plantación de tubérculos no 2017 pola couza que afectou ao norte da provincia de Lugo, concretamente ás plantacións de Miranda. De novo, salvaron a produción buscando outros terreos e cultivando fabas, xudías ou pementos no que orixinalmente sería para as patacas.
A diversificación e a innovación foi unha constante nesta idea de negocio malia todas as dificultades. O cultivo realízase ao aire libre aproveitando as cualidades do microclima onde traballan os terreos, recollendo e distribuíndo os produtos frescos cunha trazabilidade que repercute positivamente nos clientes. A menor incidencia da oscilación térmica entre as estacións do ano facilita a calidade das plantacións, distribuídas nos concellos de Riotorto, Castro de Rei, Pol e A Pastoriza. Especialmente a da pataca, un produto de primeira calidade amparado baixo a Indicación Xeográfica Protexida de Pataca de Galicia na subzona da Terra Chá e A Mariña.
Javier Miranda representa a unha xeración que aposta polo campo, pero que non dubida en sinalar as eivas e as trabas impostas pola administración, que en ocasións lles impide competir no mercado “polo nivel de esixencia e garantías ao que estamos suxeitos, co conseguinte esforzo extra que despois non se traduce nunha rendabilidade lóxica e xusta”. Apunta directamente ao dobre discurso, “por un lado nos din que vivamos do rural, que emprendamos, pero en lugar de facilitar esta opción, atopámonos con moitísimos obstáculos”, defende.
De aí a importancia de visibilizar as empresas que toman o campo como unha saída profesional e elixen o rural para desenvolver o seu proxecto de vida. Hortícolas Javier Miranda forma parte da plataforma en liña Son de Lugo impulsada por Medio Rural da Deputación, por un motivo que Miranda expresa sen dubidar “todo o que sea sumar, aí estaremos”.
Empregos dignos, prezos xustos, economía sustentable e fixación de mocidade no rural son valores que representan a marca desta empresa. O futuro do campo pasa por acurtar distancia e tempo entre a horta e a mesa con produtos de calidade nun mercado regulado e xusto. Para sermos quen de ver as nosas potencialidades antes de que non haxa volta atrás.