Cultura
Deputación de Lugo

A Rede Museística presenta unha programación ligada ás mulleres rurais, con diferentes exposicións e obradoiros creativos nos vindeiros tres meses

REDE MUSEÍSTA
cultura
Maite Ferreiro

A Rede Museística desenvolverá nos vindeiros tres meses un amplo programa artellado ao redor da idea de visibilizar a través da arte a contribución das mulleres do rural á configuración da sociedade. 

 

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, participou esta mañá na presentación do programa, que inclúe diferentes obradoiros e exposicións e que conta coa colaboración de artistas contemporáneas de diferentes disciplinas, así como do Instituto de Estudos Ulloáns.

 

Maite Ferreiro agradeceu “a colaboración de todas as persoas e colectivos implicados no deseño da programación concebida ao redor do Día das Mulleres Rurais, que se celebra o vindeiro 15 de outubro, pero que trascende a efeméride e que pon as mulleres do rural no centro da actividade creativa ao tempo que recoñece a súa contribución á sociedade en todos os eidos, desde o económico ata o social e cultural.

 

A programación artéllase ao redor de tres proxectos:

 

“Recolectoras” Memoria e Terra.

 

No marco deste proxecto,  catro artistas de distintas disciplinas – Ana Gesto, performance; María Gar, artista gráfica e instalativa, Isabell Seidel, pintora e Andrea Torres, escultora -  percorrerán os concellos do rural para “conversar a partir da arte contemporánea coas mulleres que configuran o seu territorio e a súa memoria” e crear, a partir desa experiencia compartida, distintas propostas artísticas.

 

Os obradoiros de creación que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro porán en primeiro plano a contribución das mulleres ao coidado, entendido de forma transversal,  como coidado das persoas pero tamén da contorna natural e do patrimonio material ou inmaterial, e tamén outros temas relacionados de cheo co rural como a despoboación dos concellos rurais, a reivindicación do sector agrario como base económica da nosa sociedade e a importancia dos nosos espazos naturais, ademais de visibilizar o traballo de mulleres artistas e propiciar o achegamento á arte contemporánea.

 

Os resultados mostraranse nunha exposición colectiva que se inaugurará a comezos de decembro e na que se amosarán as propias creacións, mais tamén os relatos que as inspiraron, o proceso de formalización e as persoas que se agochan tras delas.

 

A  Ulloa. Fotografías centrípetas.

 

O 15 de outubro inagurarase na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos a exposición de fotografía colectiva “A Ulloa. Fotografías centrípetas”, que pon en diálogo diferentes olladas de mulleres vencelladas á Ulloa sobre o seu territorio.

 

A mostra, comisariada por Susana Varela e Patricia Coucheiro ao abeiro do Instituto de Estudos Ulloáns, inclúe así imaxes que parten dunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado coa comarca e que testemuñan o autorecoñecemento nas problématicas e riquezas qeu o  propio territorio ofrece aos seus habitantes.

 

Proximidade llunyana

 

Baixo este epigrafe, enmárcase un proxecto que ten como obxectivo reunir fotografías e relatos relacionados coa migración das mulleres do rural a Catalunya durante o século XX, especialmente á provincia de Barcelona.

 

A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, sinalou que a programación pretende visibilizar a través da arte os relatos das mulleres, habitualmente invisibilizados e  afastados dos espazos de creación contemporánea, dando continuidade ao traballo que se ven desenvolvendo desde os museos provinciais,  que manteñen unha actividade de escoita e colaboración permanente coa comunidade.