Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación aproba por unanimidade o convenio para construír o Centro de Atención a Maiores de Pantón por 1,7M€

Residencias
Pantón
A proposta do Presidente, a Corporación deu hoxe luz verde ao documento, que contempla unha achega de 1,4M€ por parte da institución provincial e de 300.000€, polo Concello

O Deputado de Promoción Económica e Social explicou que se trata dun paso determinante para facer realidade o centro, que se levantará no centro de Ferreira e contará con entre 30 e 39 prazas, en función da ocupación

“A aposta desta institución cos nosos maiores e cos nosos veciños é incuestionable, especialmente no eido social”, sinalou Rivera

A institución provincial ten a día de hoxe en funcionamento 6 residencias -en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro-, e prevé abrir nas vindeiras semanas a de Meira e a finais de ano a de Navia de Suarna

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes, por unanimidade, o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Pantón para a construción do Centro de Atención a Maiores desta localidade por un importe de 1,7M€. A proposta do Presidente, José Tomé Roca, a Corporación deu luz ao compromiso polo cal a Deputación destinará, en 5 anualidades, 1,4M€ para facer realidade esta dotación social nun terreo situado no centro de Ferreira de Pantón. Esta residencia, para a que a entidade local investirá outros 300.000€, terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría.

Segundo explicou na sesión ordinaria o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a aprobación deste convenio no Pleno da Deputación supón un paso determinante para a creación do centro de maiores de Pantón e sinalou o compromiso do Presidente “co Concello no mesmo intre da súa toma de posesión, demostrando que máis aló de sectarismos e de calquera subxectividade, o primeiro é cumprir coa palabra dada, cos obxectivos, coa veciñanza e cos nosos maiores”.

“A aposta desta institución cos nosos maiores e cos nosos veciños é incuestionable, especialmente no eido social”, sinalou Rivera Capón, que engadiu que a institución provincial ten a día de hoxe en funcionamento 6 residencias -en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro- e prevé abrir nas vindeiras semanas a de Meira e a finais de ano a de Navia de Suarna. Unha rede proxectada dun total de 18 centros na provincia. "A día de hoxe xa ten máis centros públicos abertos a Deputación de Lugo que a propia Xunta de Galicia”.

Rivera Capón sinalou que a residencia de Pantón ofrecerá un servizo público asistencial de calidade e personalizado aos maiores, favorecendo o seu arraigo, ademais de crear emprego sostible no rural.  “Apostamos por un modelo funcional, próximo ao territorio e que se centra na persoa”, expuxo o responsable da área de Promoción Económica e Social, que sinalaba tamén que esta residencia “axudará a fixar poboación e suporá un importante revulsivo económico para a comarca de Lemos e especialmente para o concello de Pantón”. 

O proxecto da residencia de Pantón foi o primeiro da Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores que se elaborou integramente contando co asesoramento do Servizo de Benestar da Deputación, “o que suporá unha vantaxe importante porque se incorporaron todas as melloras que se foron detectando neste tempo grazas á experiencia conseguida nas residencias que xa temos en funcionamento”, afirmou Pablo Rivera. O Deputado puxo en valor a situación da residencia, no centro urbano de Ferreira, porque permitirá aos usuarios vivir integrados co resto da veciñanza, e o seu deseño pensado nas persoas, favorecendo o modelo da Deputación, de atención individualizada. 

Un modelo, o da institución provincial, que garante que calquera persoa, independentemente da súa situación económica, poida acceder ás prazas porque os usuarios pagarán en función da súa capacidade económica. Así mesmo, as residencias da Deputación favorecen o arraigo porque son centros de pequeno tamaño, con traballadores que normalmente son do propio concello ou da zona, e que están plenamente integradas no día a día das vilas nas que se asentan.

A residencia desta localidade da Ribeira Sacra creará emprego e actividade económica, tal e como explicou Rivera Capón. Aos en torno de 25 postos de traballo directos que xerará o centro, hai que sumar o emprego indirecto e o retorno económico que o funcionamento deste servizo terá para os negocios locais, tales como a farmacia, comercios, supermercados, hostalería ou produtores de alimentos. 

Características

O Centro de Atención a Maiores de Pantón da Deputación de Lugo terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría. Todas as habitacións serán accesibles e amplas, e contarán con cuarto de baño propio. 

O deseño repara no cumprimento de barreiras arquitectónicas e está configurado nunha edificación onde prima a luminosidade e a iluminación natural con grandes zonas acristaladas, tanto nos dormitorios coma nas salas e zonas comúns. O edificio constará dunha planta semisoto, unha planta baixa, dúas plantas altas e un ático.

No semisoto situarase unha sala de estimulación multisensorial, despachos para o persoal, vestiarios e almacéns. A planta baixa é a de acceso principal. Albergará o comedor, a cociña, a zona de administración e dirección, salas de convivencia e de actividades, así como cuartos de baños. As dúas plantas superiores acollerán as habitacións cos seus correspondentes cuartos de baño, ademais de almacéns e locais de limpeza. No ático está a zona de lavandería, locais das instalacións e almacéns. 

O edificio terá unha alta eficiencia enerxética. Case toda a enerxía necesaria para a auga quente sanitaria procederá de fontes de enerxías renovables ou aproveitando o calor residual. Ademais, irá moi ben illado, o que fará que teña un consumo case nulo.