Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación expón o seu modelo de residencias nas xornadas do Concello de Lugo sobre a atención sociosanitaria a persoas maiores

Pablo Rivera Capón
rede viaria provincial
Deputación de Lugo
O Deputado de Promoción Económica e Social explicará mañá neste foro o sistema de funcionamento da rede provincial de centros de atención a maiores, un servizo público, con atención personalizada, que favorece o benestar e o arraigo, e que crea emprego e actividade económica no rural

A institución colabora coa organización retransmitindo en streaming as xornadas, que se celebran este venres e sábado no Auditorio do Vello Cárcere

A Deputación de Lugo exporá o seu modelo de residencias na segunda edición das Xornadas de Traballo sobre a Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores organizadas polo Concello de Lugo. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, será o encargado de explicar mañá neste foro os sistema de funcionamento da rede de centros asistenciais implantado pola institución provincial en colaboración cos concellos. 

Na actualidade, a Deputación ten residencias nos concellos de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e proximamente abrirá as de Meira e Navia de Suarna. 

A institución ten implantado un modelo de xestión dos centros público, con atención personalizada, que favorece o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias, e que, ademais, ten un retorno económico importante na zona na que se implantan, pois crean emprego sostible no rural e dinamizan a economía local, contribuíndo deste xeito a fixar poboación.  

O Deputado estará acompañado na mesa de traballo pola coordinadora de transplantes de ALCER Lugo, María Jesús Díaz-Freijo Martínez; a coordinadora da área de apoio e orientación no proceso de envellecemento de FADEMGA-FEAPS, Pilar Villaverde Souto; a representante da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, María Carmen Casasnovas García; e a representante da Unión de Xubilados e Pensionistas da UXT provincial de Lugo, Dolores Vieiro Núñez. 

Programación
A cita, organizada pola área de Benestar, Inclusión e Maiores do Concello de Lugo,  levarase a cabo mañá venres e o sábado no Auditorio do Vello Cárcere. As xornadas buscan mellorar a coordinación dos recursos das diferentes administracións e dar visibilidade a unha realidade que afecta no día a día aos maiores, tanto no ámbito sanitario, como no familiar. A Deputación de Lugo colabora coa organización retransmitindo integramente as xornadas por streaming a través do canal de Youtube do Servizo de Audiovisuais.