Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora con APEHL para a celebración dun curso de especialización de enoturismo

APEHL
enoturismo
A institución provincial impulsa a promoción turística e gastronómica cunha achega de 40.000€ para realizar esta formación destinada a profesionais e emprendedores da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo(APEHL), Cheché Real, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades para a celebración dun curso de especialización en enoturismo. A acción formativa contará cunha achega da institución provincial de 40.000€. Pola súa banda, a asociación inviste 2.110€.

Este curso está destinado a profesionais e emprendedores que desexen reforzar as competencias no enoturismo a través dunha formación técnica, práctica e específica. Así mesmo, ten como obxectivo apoiar e manter a actividade no sector, en concreto, desenvolver actividades de promoción turística e gastronómica de Lugo.

Tomé Roca destacou a importancia desta proposta que “se enmarca na aposta da Deputación de Lugo por un turismo de calidade, de proximidade, sostible e de experiencias que potencia a riqueza vitivinícola da nosa provincia. É tamén, unha oportunidade de reinvención para que profesionais deste sector dispoñan de máis recursos para saír da crise provocada pola pandemia e afrontar con maior garantía a recuperación”.

Nesta edición, a formación realizarase no concello de Lugo cara finais de ano e poderán acceder unha vintena de participantes. O curso afondará en diversos aspectos da viticultura e servirá para capacitar ao alumnado en aspectos prácticos, como a elaboración de cartas de viños, a maridaxe, o servizo e xestión de sala, o traballo en adegas e a xestión do negocio. Ademais, as persoas participantes poderán coñecer novas tendencias do mercado e aprender a crear, desenvolver e xestionar produtos enoturísticos coñecendo ferramentas de comercialización, de imaxe de marca, comunicación e enomarketing. O curso complétase con clases prácticas de catas de viños galegos e nacionais de diferentes denominacións de orixe.