Deputación de Lugo
Formación

O Presidente subliña que o proxecto de reforma da Valgada potencia a interrelación entre o Campus e a trama urbana

valgada
USC
Campus Terra
José Tomé Roca participou no acto de presentación da proposta gañadora do concurso de ideas que impulsou a USC para darlle unha nova imaxe a estes terreos de titularidade provincial, que a institución ten cedidos ao Campus de Lugo para uso da comunidade educativa

O proxecto define un “renovado espazo público baixo criterios dun urbanismo que valoriza a paisaxe e que prioriza a seguridade, a comodidade e o desfrute das persoas”, un modelo que a Deputación “comparte e impulsa a través das colaboracións que fai cos concellos para crear ou renovar infraestruturas”, destacou o Presidente

No acto, celebrado na propia Valgada, participaron a Alcaldesa de Lugo, o reitor da USC, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, e o xerente da USC

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou importancia do proxecto “que contribuirá a poñer en valor novas zonas do Campus e da nosa cidade coa mesma visión sostible que defendemos dende o Goberno local

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na presentación do proxecto de reforma da Valgada, un terreo de titularidade provincial que a institución ten cedido ao Campus para uso da comunidade educativa. A proposta de renovación deste espazo resultou gañadora nun concurso de ideas impulsado pola USC entre o alumnado co obxectivo de poñer en valor e dinamizar a zona.

No acto, celebrado na propia Valgada, estiveron presentes a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o reitor da USC, Antonio López, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o xerente da USC, Javier Ferreiro, ademais doutros membros da comunidade educativa.

O Presidente da Deputación felicitou á Universidade por implicar aos alumnos e alumnas no deseño deste proxecto, un bo exemplo de que o plan educativo do Campus de Lugo “combina a excelencia da formación superior cun estreito vínculo co territorio”, o que tamén o levou a conseguir recentemente, destacou, a acreditación de Campus especializado nas áreas estratéxicas de agricultura, gandería e sector forestal sostibles.

Neste mesmo sentido, o Presidente asegurou que a proposta para a reforma da Valgada que resultou elixida “potencia precisamente a interrelación entre o Campus e o resto da trama urbana da cidade, ideando un renovado espazo público baixo criterios dun urbanismo que valoriza a paisaxe e que prioriza a seguridade, a comodidade e o desfrute das persoas”.

José Tomé salientou a “aposta pola humanización e pola sustentabilidade que fai o proxecto. Humanización que queda patente no desexo de mellorar e de desenvolver a rede de camiños para facilitar os fluxos de comunicación e a convivencia, e tamén na decisión de demoler elementos anteriores, como parte do anfiteatro, en favor da posta en valor da paisaxe”. En canto á sustentabilidade, o mandatario provincial subliñou que “a integración da cidade co río, a configuración da auga como elemento que suxire camiños de xogo aos nenos e a disposición dos hortos como elementos de tradición e de futuro sostible, son valores importantes”. 

A Deputación, explicou, comparte este modelo de urbanismo, “e así o apoiamos a través das colaboracións que facemos cos concellos da provincia para crear ou renovar infraestruturas”. Lembrou neste sentido propostas concretas, como a colaboración co Concello de Lugo para crear un carril bici no Paseo do Rato, que leva en funcionamento un ano, ou as obras de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, que están en marcha e nas que a institución provincial inviste 1M€. 

Deputación e Campus, aliados para o impulso da provincia
O Presidente subliñou que as institución públicas “debemos ter unha capacidade permanente de transformación da sociedade e da economía, e unha das mellores aliadas para conseguilo é a Universidade pública, que, como queda demostrado con este acto, é un motor de cambio”. “A actividade universitaria transforma por si mesma os lugares nos que se asenta, pero sobre todo faino a través da educación, da investigación e da transferencia de coñecementos”. Por este motivo, subliñou, a Deputación xogou un papel determinante na creación do Campus de Lugo e por iso mantén “un firme compromiso que fai que a día de hoxe sexamos a institución provincial que fai unha maior colaboración cunha Universidade pública en España”. 

José Tomé sinalou que, ademais de achegar recursos económicos, tamén colabora coa USC impulsando proxectos como a Granxa Experimental de Leite, onde fan prácticas os alumnos e alumnas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior, ou coa cesión de terreos que son necesarios para o desenvolvemento da súa actividade, como é o caso da Valgada.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, trasladou os seus parabéns aos premiados ao tempo que destacou que “o voso proxecto conxuga perfectamente e representa os valores de sustentabilidade e respecto polo medio ambiente que defendemos dende o Goberno local”.
 
“Este obradoiro será un referente para poñer en valor novas zonas do Campus e, por tanto, tamén, a nosa cidade cunha visión sustentable, que nos permitirá abordar novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotarnos das ferramentas necesarias para aproveitar as inmensas oportunidades que nos ofrece a nosa contorna”.


O proxecto
O proxecto Revalgada trata de recuperar a lóxica hídrica nun espazo de actuación protagonizado pola confluencia de dinámicas educativas, sociais, ecolóxicas e paisaxísticas. Considerando que a valgada é o nexo de unión entre o bordo natural representado polo Río Miño, e o bordo urbano na zona sur da cidade, o proxecto contempla tanto as necesidades de conectividade a nivel urbano como os propios fluxos internos polo Campus. Retíranse os camiños construídos con formigón e lousas debido ao exceso da sección deseñada e a falta de unidade paisaxística. En substitución, deséñanse novos itinerarios realizados en xabre estabilizado, de maior confort para o camiñante e revalorizando o carácter do Campus Terra a través da compoñente táctil. Ademais, plantaranse especies arbóreas e plantas autóctonas na contorna. 

A proposta tamén inclúe a delimitación das hortas docentes xa existentes mediante un muro de mampostería de esquisto. Así mesmo, tamén se proxecta unha integración social e paisaxística da peza de formigón situada no centro da valgada. Vanse retirar dúas filas das gradas inferiores, ademais da totalidade do escenario construído a unha cota maior. No espazo que queda baleiro pola retirada do escenario, vaise crear unha poza que permite unha mellor visibilidade do conxunto da zona e unha apertura cara o exterior da zona de gradas. Esta poza, de 450 m2 e de 30 a 40 cm de profundidade, funcionará como elemento de dinamismo para a biodiversidade da zona, pois será lugar idóneo para o asentamento de anfibios e diversas aves. 

Outro dos elementos vertebradores do proxecto é a xestión axeitada das augas, de tal maneira que interactúe co cidadán á vez que mantén a biodiversidade. Para iso, realizarase un pequeno rego central, recuperando a identidade da valgada, que recollerá todas as augas que caen por gravidade dente cotas superiores.

O obxectivo é conservar case a totalidade da explanada pegada ás gradas para revalorizar o carácter de anfiteatro que esta zona pode ofrecer. Instalaranse unhas pasarelas de madeira para ofrecerlle ao peón moverse pola zona e desfrutar dun percorrido ao longo deste espazo de lecer.