Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Goberno leva ao Pleno do martes a cesión ao Concello de Lugo da rúa Fermín Rivera

Deputación de Lugo
rede viaria provincial
Imaxe deputación de lugo
Responde a unha solicitude municipal, ao tratarse dun treito urbano con servizos urbanísticos de titularidade municipal. O obxectivo é permitir unha xestión más áxil do seu mantemento e unha mellor xestión do tráfico rodado e peonil

O Goberno da Deputación someterá á aprobación do Pleno o vindeiro martes a cesión ao Concello de Lugo da vía provincial LU-P-2911, denominada Fermín Rivera, respondendo así a unha solicitude municipal. Esta estrada ten 730 metros de lonxitude e parte da intersección coa estrada vella de Santiago, da Ponte Vella, e remata nas proximidades da igrexa de San Lázaro.  

O motivo da cesión radica en que permitirá unha xestión máis áxil para o mantemento dos servizos que alberga e para a ordenación do tráfico rodado e peonil, ao tratarse dunha vía que transcorre por un treito urbano, con puntos de interese como o Club Fluvial ou a igrexa, que pola súa actividade atraen un importante volume de tráfico. 

O estado da estrada é bo, presentando un firme asfaltado en boas condicións e contando con beirarrúas na marxe dereita e cun tramo que tamén as ten na marxe esquerda. Así mesmo, a vía conecta con estradas municipais, tanto no extremo que linda coa estrada vella de Santiago coma no estremo que continúa pola estrada de Orbazai cara a ponte sobre o río Mera. 

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, enmarcou a operación “dentro da relación de diálogo e colaboración permanente que mantemos as dúas administracións, a prol do interese xeral e acorde as liñas de actuación fixadas por este Goberno cara o crecemento sostible e integrador que deseñamos para Lugo”.

E subliñou que "o feito de que a Administración local poida exercer unha supervisión continuada sobre a vía e a súa conservación redundará tamén positivamente no desenvolvemento das actividades sociais, deportivas e de recreo que propician as instalacións deportivas e relixosas que hai na contorna, o que redunda no interese da xestión da mobilidade peonil e da circulación rodada en favor do Concello”, apuntou a rexedora.

Méndez sinalou igualmente que, "toda vez rematado o procedemento,  que a estrada sexa de titularidade municipal permitirá desenvolver con maior dilixencia iniciativas de investimento local ao simplificarse a burocracia esixida con respecto ás vías de demarcación provincial".