Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoia unha nova edición da Tasca do liño de Santolomé de Insua

tasca do liño
Vilalba
A institución provincial achegou 2.000€ para garantir a celebración desta mostra, que tivo lugar este sábado no Campo da Festa da parroquia chairega e que busca poñer en valor un oficio esquecido en moitos lugares e que forma parte da historia da provincia

A Deputación de Lugo apoia a celebración dunha nova edición da Tasca do liño de Santolomé de Insua, que tivo lugar este sábado no Campo da Festa da parroquia chairega. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou nesta cita, coa que a institución provincial colabora con 2.000 euros.

“A Tasca do Liño pon en valor a elaboración tradicional do liño, recuperando un oficio vencellado ao rural e que permanece esquecido en moitos lugares”, explicou García Porto.

A Deputada sinalou que “é unha verdadeira alegría ver como, a pesares das dificultades que nos pon cada día esta pandemia, lograstes retomar esta cita á que sempre é un gusto acudir” e loou da organización “a capacidade para adaptarvos e para sacar adiante iniciativas alternativas, como fixestes o ano pasado para contribuír a manter viva a Tasca co concurso de poesía e debuxo”.

García Porto subliñou que coa Tasca do liño, “estades facendo historia, estades recuperando o noso pasado para que poidamos ter futuro, porque toda a nosa tradición, esa gran riqueza que temos como país, debe ser un elemento para seguir impulsando o desenvolvemento do noso rural” e engadiu que “vós, as mulleres da Insua, non sei se sodes conscientes disto, pero contribuídes enormemente a manter o noso rural vivo dende o voso propio empoderamento”, porque esta celebración leva na xenética o “espírito feminino”.

Esta cita da parroquia vilalbesa de Insua contou con demostracións en vivo, actuacións musicais, coloquios ou exposicións na súa programación. Ademais, mantivo un escrupuloso protocolo sanitario para previr contaxios da Covid-19.