Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente participa na apertura dun foro nacional sobre asistencia xurídica penitenciaria que acolle Lugo por 1ª vez

Colexio avogados
xornadas de orientación e asistencia xurídica penitenciaria
José Tomé destacou na inauguración das XXIII Xornadas dos Servizos de Orientación e Asistencia Xurídica Penitenciaria que os dereitos en prisión “son unha das grandes diferencias que separan aos réximes democráticos dos totalitarios”

“A democracia non exclúe do corpo social nin sequera a quen ten comportamentos delitivos, porque a privación de liberdade non se concibe como un elemento de represión, senón como un período de reeducación e de reflexión enfocados á reinserción social”, asegurou o mandatario provincial

A cita, organizada polo Consello Xeral da Avogacía Española coa colaboración do Colexio de Avogados de Lugo, celébrase hoxe e mañá no Gran Hotel cuns 110 inscritos, e aborda temas como a discapacidade, competencias sanitarias ou os dereitos en prisión

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na inauguración das XXIII Xornadas dos Servizos de Orientación e Asistencia Xurídica Penitenciaria. A cita, organizada polo Consello Xeral da Avogacía Española en colaboración co Colexio de Avogados de Lugo, celébrase hoxe e mañá no Gran Hotel cuns 110 inscritos e aborda temas de actualidade como a discapacidade, as competencias sanitarias ou os dereitos en prisión. 

No acto de apertura das xornadas, o Presidente estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; Félix Mondelo, Decano do Colexio de Avogados de Lugo; e Blanca Ramos; presidenta da Subcomisión de Dereito Penitenciario do Consello Xeral da Avogacía Española.

Na súa intervención, Tomé Roca puxo en valor o labor do Colexio de Avogados lucense para que a capital da provincia acolla por primeira vez este encontro “consolidado como referente no seu ámbito a nivel nacional”. 

O Presidente considerou importante “que a sociedade reflexione sobre os dereitos en prisión. A moitos pode parecerlles obvio, pero recolle unha das grandes diferencias que separan ós réximes democráticos dos totalitarios”, e engadiu que “a democracia non exclúe do corpo social, nin sequera a quen ten comportamentos delitivos. A privación de liberdade non se concibe como un elemento de represión e separación absoluto da sociedade, senón como un período de reeducación e de reflexión que permita a reinserción das persoas presas”. 

Neste sentido, o Presidente da Deputación recalcou que “é imprescindible garantir os dereitos que o condenado mantén a pesar do seu ingreso en prisión, porque só sobre eses dereitos se pode construír con firmeza un proxecto de recuperación para a sociedade”.

A Deputación colabora
Para a institución provincial, “colaborar neste sentido forma parte do modo no que entendemos as políticas sociais”, engadiu José Tomé, avanzando que mañá mesmo asinará coa Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio de Interior un convenio de colaboración mediante o que a Deputación de Lugo facilitará que poboación reclusa poida realizar traballos en beneficio da comunidade en distintos servizos da entidade.

O Presidente tamén gabou a iniciativa do Colexio de Avogados de Lugo de implantar un servizo de asesoría xurídica nos centros penitenciarios da provincia, “porque a sociedade, para avanzar de verdade, non pode deixar a ninguén atrás, tampoco aos que actuaron contra ela”.

A Deputación de Lugo colaborou coa organización das XXIII Xornadas dos Servizos de Orientación e Asistencia Xurídica Penitenciaria facendo entrega aos asistentes dunha bolsa coa guía Lugo Románico. Ribeira Sacra e un USB da institución provincial, así como folletos e unha tarxeta NFC con información da provincia.