Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo colabora con Interior en medidas de reinserción da poboación reclusa en Bonxe e Monterroso

ministerio de Interior
institucións penitenciarias
convenios
O Presidente asinou co Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias un acordo a través do que a institución provincial facilita que as persoas que deben cumprir penas de traballo en beneficio da comunidade teñan a oportunidade de facelo en distintos servizos da entidade desenvolvendo actividades de utilidade pública

José Tomé enmarcou a colaboración “na atención prioritaria” que a Deputación presta ás políticas sociais: “Só cunha gran rede pública de protección social garantimos plenos dereitos á cidadanía, tamén á poboación reclusa, que mantén uns dereitos que debemos atender para poder construír políticas de educación e de reinserción social efectiva”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo este venres un encontro co Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio de Interior, Ángel Luis Ortiz González, co que asinou un convenio de colaboración grazas ao que a poboación reclusa das cárceres de Bonxe e Monterroso que deben cumprir penas de traballo en beneficio da comunidade terán a oportunidade de facelo en distintos servizos da institución provincial desenvolvendo actividades de utilidade pública.

Xunto ao Presidente e o Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias, no acto de sinatura do acordo, celebrado na Sala de Xuntas, estiveron o xefe do Servizo de Xestión de Penas, Juan Manuel Luiña Martínez, os directores dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso, José Manuel Pernas Arias e Antonio Rivera López, respectivamente; a subdirectora de tratamento de Bonxe, Ana María Primoy Barros; e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo  Rivera Capón.

O mandatario provincial sinalou que, ademais deste convenio para o cumprimento de penas de traballo en beneficio da comunidade, a Deputación colabora tamén co centro penitenciario de Bonxe na publicación dunha revista elaborada pola poboación reclusa.

Así mesmo, como xa fixo onte na inauguración das XXIII Xornadas Xurídicas dos Servizos de Orientación e Asistencia Xurídica que acolle Lugo baixo a organización do Consello Xeral da Avogacía Española en colaboración co Colexio de Avogados de Lugo, o Presidente recalcou que os dereitos en prisión “son froito da democracia”.

José Tomé enmarcou o acordo con Institucións Penitenciarias “na atención prioritaria” que a Deputación de Lugo presta ás políticas sociais, ás que, de feito, dedica un terzo do orzamento, lembrou o Presidente, “ben sexa mediante accións directas, a cooperación cos concellos da provincia, ou ben colaborando co importante e dinámico tecido asociativo que temos na nosa provincia”.

“Contar cunha gran Rede Pública de Protección Social é un dos obxectivos fundamentais da nosa acción política, porque só desta forma garantimos plenos dereitos á cidadanía, tamén á poboación reclusa que, a pesar da súa situación de privación de liberdade, mantén uns dereitos que debemos atender para poder construir políticas de educación e de reinserción social efectiva”, subliñou o mandatario provincial.

Pola súa banda, o Secretario Xeral de Institucións Penitenciarias puxo en valor a colaboración da Deputación para que poboación reclusa de Monterroso e Bonxe poida cumprir penas de traballo en beneficio da comunidade cerca dos centros penitenciarios, sen ter que desprazarse a outras provincias. Neste sentido, asegurou, o acordo coa institución provincial cubre certa carencia de oportunidades neste sentido que existían na capital lucense.

A través deste convenio, a Deputación pon a disposición 76 prazas: 63 de administrativo, unha de oficial de xardinería e 12 de portería e vixiancia.