Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación proxecta os itinerarios xacobeos pola provincia de Lugo no Fairway

Deputación de Lugo
A institución provincial participa cun expositor na feira de turismo adicada ao Camiño de Santiago que se celebra dende hoxe ata o martes no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela

A Deputación de Lugo participa no Fairway que arranca este domingo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu esta mañá á inauguración desta cita adicada ao Camiño de Santiago na que, a institución provincial contará cun expositor informativo.

 

A provincia de Lugo conta con tres itinerarios xacobeos oficiais declarados Patrimonio Mundial da Humanidade -o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo e o Camiño Francés- e o Camiño de Inverno. García Porto destacou a importancia de estar presentes nesta cita, que celebra a súa segunda edición, xa que “30 dos 67 concellos lucenses, case a metade do territorio, está atravesado por algunha das 4 rutas xacobeas”. 

 

A Deputada sinalou que esta feira servirá “de punto de encontro entre axentes, institucións, empresas e demais profesionais ligados ao Camiños de Santiago” e sinalou que “estas constitúen un importante impulso económico e cultural para a provincia, especialmente nun ano como este no que traballamos por un turismo sostible, de calidade, non masificado e de proximidade para axudar na recuperación fronte a crise sanitaria”

 

A institución provincial enmarca a asistencia a esta feira dentro do programa de participación de diferentes eventos nacionais para a promoción dos recursos turísticos da provincia como Fitur, a Feira Internacional de Enoturismo, Turexpo ou Xantar, na que estivo presente esta semana para promover os recursos enogastronómicos.