Deputación de Lugo
Formación
Medio ambiente

Un cento de persoas participa na formación da UNED sobre as reservas coa que colabora a Deputación

Reserva da Biosfera
UNED
Custodia do territorio
A Reserva da Biosfera Terras do Miño e a Custodia do Territorio como ferramenta de conservación de territorios de alto valor ambiental comezou hoxe cunha charla do xefe da área de Relacións Internacionais de Reservas da Biosfera

O curso, que se enmarca dentro das actividades impulsadas pola institución provincial con motivo do 50 aniversario do programa MaB, pode seguirse nas modalidades presencial e online e outorga ao alumnado 0,5 créditos ECTS

Un cento de persoas participa na formación que que imparte a UNED coa colaboración da Deputación de Lugo sobre a xestión das Reservas da Biosfera. O curso, que se celebra no marco das actividades impulsadas pola institución provincial con motivo do 50 aniversario do programa MaB e que forma parte do programa da UNED Lugo Naturalmente, empezou este mércores. A Reserva da Biosfera Terras do Miño e a Custodia do Territorio como ferramenta de conservación de territorios de alto valor ambiental conta con 10 horas lectivas e outorga ao alumnado 0,5 créditos ECTS.

O xefe da área de Relacións Internacionais de Reservas da Biosfera e secretario do Comité Español do Programa MaB, Organismo Autónomo de Parques Nacionais, Francisco José Cantos Mengs, inaugurou a programación ás 18.00 horas cunha charla sobre o 50 Aniversario do Programa Persoa e Biosfera (MaB) da UNESCO e Rede Española de Reservas da Biosfera. A continuación tivo lugar a conferencia A reserva da biosfera Terras do Miño: xestión e retos de futuro, a cargo do xefe do Servizo de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, Luis Fernández Reija, e a técnico de xestión medioambiental da institución provincial, Andrea Macho Benito.

O curso, que pode seguirse nas modalidades online e presencial, continuará mañá cun encontro sobre A Custodia do Territorio como ferramenta de conservación das Reservas da Biosfera co representante da Asociación Galega de Custodia do Territorio e presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía, Óscar Rivas López. Tamén haberá un obradoiro onde o alumnado poderá coñecer Exemplos prácticos de Custodia do Territorio nas Reservas da Biosfera lucenses da man de Martiño Cabana Otero, da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

A programación rematará o luns, 15 de novembro, cunha visita ás Insuas do Miño, territorio propiedade da Deputación de Lugo que forma parte da reservas de Terras do Miño.