Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Xunta de Voceiros da Deputación acorda unha Declaración Institucional contras as violencias machistas

Deputación de Lugo
MANIFESTO 25N
O Presidente convocou este venres unha reunión dos portavoces para propoñer o consenso dun documento entre os grupos políticos representados na Corporación provincial con motivo da conmemoración do 25-N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Do encontro saíu unha declaración unánime que será aprobada no Pleno, na que a Deputación expresa o seu firme compromiso na loita contra os asasinatos e agresións machistas, e a vontade de seguir desenvolvendo políticas educativas de fomento da igualdade que contribúan a erradicar os elementos estruturais que os perpetúan

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, convocou para este venres unha Xunta de Voceiros e Voceiras co fin de propoñer o consenso entre os grupos políticos provinciais dunha Declaración Institucional con motivo da conmemoración do 25-N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Do encontro, celebrado esta mañá na Sala de Xuntas, saíu un documento acordado por PSdeG, BNG e PP, que será aprobado de maneira unánime no Pleno. Na Declaración Institucional, a Deputación expresa o seu firme compromiso na loita contra os asasinatos e agresións machistas, e a vontade de seguir desenvolvendo políticas educativas de fomento da igualdade que contribúan a erradicar os elementos estruturais que os perpetúan no tempo.

 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Co motivo da conmemoración, o vindeiro 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Deputación de Lugo quere expresar o seu firme compromiso na loita contra os asasinatos e agresións machistas. Tamén a nosa firme vontade para seguir desenvolvendo políticas educativas de fomento da igualdade que contribúan a erradicar os elementos estruturais que os perpetúan no tempo.

Dende o ano 2000, as Nacións Unidas adican esta data para lembrar a necesidade de loitar contra unha violencia global, que afecta ás mulleres polo mero feito de selo. Aproximadamente un terzo das mulleres maiores de 15 anos teñen experimentado violencia física a mans da súa parella, dun estraño ou de ambos. É unha estatística pavorosa que non pode deixar a ninguén indiferente. E como consecuencia da pandemia, estímase que uns 11 millóns de nenas en todo o mundo abandonarán os seus estudos, o que aumenta o risco de ser obrigadas a un matrimonio infantil. As mulleres sofren unha violencia específica nos conflitos bélicos, nos que a violencia sexual se converte nunha perversa arma de guerra que esnaquiza a vida das mulleres e deixa unha fonda e prolongada ferida no seo do tecido social. 

Mesmo en democracia e en tempos que consideramos de normalidade, as mulleres seguen a ser vítimas dunha violencia específica, selectiva só polo feito de ser mulleres. Queremos lembrar hoxe a todas as mulleres que foron asasinadas no noso país polas súas parellas ou exparellas. Dende 2003 foron asasinadas en España 1.117 mulleres, e 44 nenos e nenas. Dende 2019, en España rexistráronse 1.743.680 denuncias por violencia machista, o que se traduciu no ditado de máis de 450.000 ordes de protección. Pero a pesar do avance do sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero, case a metade das mulleres que foron vítimas de violencia non denunciaron, nin acudiron ós servizos públicos de axuda, unha porcentaxe que aumenta no caso das mulleres máis novas.

No que vai do ano 2021, Galicia xa tivo que saír á rúa a condenar un feminicidio cometido na Coruña. E segue a investigarse outro asasinato dunha muller no Barco de Valdeorras. Segundo os datos do IGE, no primeiro semestre deste ano, a Atención polo Punto e Coordinación das Ordes de Protección abordou o seguimento de 536 novos expedientes e foron comunicadas máis de 500 medidas de protección.

Así mesmo, a Memoria anual da Fiscalía Superior de Galicia do ano 2020, coñecida en outubro pasado, sinala que hai un nicho de criminalidade que a pandemia ocultou, e que no ámbito da violencia machista “o nivel de convivencia que a situación xerou, sen ningunha dúbida, supuxo un aumento que as cifras derivadas da fría estatística non reflicten e que aparecerá seguramente nun futuro non moi afastado”.

Queremos compartir a dor das mulleres que sofren violencia, dos seus fillos e fillas, familiares e amizades, e queremos facerlles chegar a nosa solidariedade, o noso apoio e o noso compromiso de non deixalas soas, así como o noso compromiso co desenvolvemento de políticas de fomento da igualdade que contribúan a erradicar as causas estruturais dos asasinatos e agresións machistas. Aínda que a pandemia estea nunha fase de control é necesario que se atendan todas as súas repercusións, tamén no ámbito da violencia machista.

Como sociedade, levamos anos loitando contra esta violencia, educando ós menores, empoderando ás mulleres, e adecuando o noso ordenamento xurídico para dar resposta a un tipo de agresións que non poden ter cabida na nosa sociedade. Temos moito avanzado, por exemplo o recente recoñecemento da violencia vicaria como violencia machista, pero sabemos que este tipo de comportamentos perversos amosan unha grande capacidade de adaptación e persistencia.

Dende a Deputación de Lugo queremos amosar o noso respaldo á iniciativa “Pinta o mundo de laranxa - ¡financiar, responder, previr, recompilar!” que impulsa as Nacións Unidas.  E tamén con todas as medidas desenvolvidas polas administracións estatal e autonómica para erradicar esta eiva social.

Neste camiño, seguimos insistindo na necesidade de desenvolver medidas eficaces de loita contra á mesma no eido rural, onde factores como a idade elevada, os condicionamentos sociais ou a dificultade de acceso ós servizos públicos, se converten en factores que agravan a situación das mulleres.

A Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso co feminismo, coa loita contra a violencia machista e coa igualdade efectiva entre mulleres e homes. Só unha sociedade na que as mulleres non sufran violencia por ser mulleres pode ser considerada completamente libre. Só unha democracia libre de violencia machista é unha democracia plena.