Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación interésase polo traballo da Asemblea de Cooperación pola Paz para despenalizar o aborto no Salvador

Deputación de Lugo
As Deputadas Pilar García Porto e María Loureiro recibiron este venres no Pazo de San Marcos a representantes desta ONG para coñecer o traballo que desenvolven neste país onde a irrupción da xestación por calquera causa se penaliza dende 1997

A voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, recibiron este venres no Pazo de San Marcos a representantes da Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia (ACPP) con motivo dun proxecto que este colectivo está desenvolvendo a favor da despenalización do aborto no Salvador. Participou o delegado de ACPP en Galicia, Alejandro Quiñoá, e mulleres activistas salvadoreñas como Mercy Mulato, da Colectiva Feminista, e “Queen” e “Yezli Mic”, dúas músicas de rap e hip hop. 

“É un pracer recibir a esta delegación do feminismo salvadoreño, e facelo nunha data próxima ao 25N, o día internacional da loita contra a violencia contra as mulleres”, asegurou Pilar García Porto. “A Deputación de Lugo inclúe a igualdade, o feminismo e a loita contra calquera tipo de violencia machista entre as prioridades da nosa acción de Goberno, como políticas transversais que deben permear o conxunto da xestión e a planificación de accións públicas”, subliñou a voceira provincial.

A Deputada de Muller e Igualdade destacou pola súa banda as preocupantes cifras sobre violencia de xénero e o aborto no Salvador, así como a importante porcentaxe de embarazos adolescentes, case un terzo do total. No Salvador 3.771 mulleres foron atendidas por violencia machista e, delas, case o 75% eran menores de 19 anos, segundo o Ministerio de Saúde do Salvador.

“É un exemplo dos círculos viciosos de violencia contra as mulleres que, por desgraza, se seguen producindo no mundo. Unha violencia machista que non se combate con suficiente forza, seguida dunha lexislación que prexudica ás mulleres, obrigándoas a levar adiante un embarazo non desexado froito dunha violación”, sinalou María Loureiro.

Ambas deputadas incidiron na importancia de “seguir traballando xuntas para ampliar os dereitos das mulleres alí onde aínda non se respectan, e tamén en Europa, onde se vive unha corrente de renacemento da extrema dereita moi prexudicial para a muller”. “Compartir retos e oportunidades, e alzar un discurso reivindicativo a escala internacional son ferramentas para seguir avanzando na consecución dos nosos dereitos e non retroceder. Queremos unha igualdade real, queremos un mundo sen violencia de xénero, tanto nesta beira do Atlántico como tamén no Pacífico”, afirmaron.

A música e a radio, ferramentas de reivindicación

Nas súas palabras de benvida á Deputación, Pilar García Porto e María Loureiro enxalzaron o traballo desta ONG para contribuír á despenalización da irrupción da xestación. “Creo que a información e a divulgación en medios son sempre ferramentas importantes para seguir avanzando, parécenos un acerto incorporar voces de artistas femininas que operan nun ámbito tan masculinizado como o da música e os medios de comunicación”, dixo García Porto. 

Referíase así á importancia do proxecto lanzado polas mulleres que participaron na reunión, que son integrantes de Hip Hop Femenino, un colectivo fundado no 2016 que utilizan esta corrente musical como ferramenta para o cambio social e a promoción da paz. O seu obxectivo é promover e crear espazos artísticos e culturais para as mulleres artistas do Salvador. “O hip hop, o rap ou calquera outra forma de música de consumo masivo pola parte da xente moza debe incorporar unha perspectiva e unha narrativa feminina, un enfoque que evite que neses ámbitos se xeren novos modelos de machismo que sexan asumidos como algo natural polas novas xeracións”, incidiron as Deputadas. 

Algunhas músicas do Salvador participaron no encontro, como a cantante de hip hop Yesenia Karmelina Martínez Yezli MIc, Jennifer Alisson Serrano Queen, así como a xornalista Mercy Mulato, quen dirixe a Radio de Todas, o primeiro medio de comunicación feminista en liña no Salvador, e tamén coordina a Radio Güija, un medio de comunicación comunitario ambientalista. 

O proxecto

Esta acción está organizada pola Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia, que leva dende 2005 traballando no Salvador unha estratexia de intervención no sector da Saúde Sexual e Reprodutiva, no marco do proxecto Elas Deciden. 

No Salvador penalízase calquera tipo de aborto (razóns naturais, violacións, decisión propia...) dende 1997. No encontro explicouse que o aborto causa un serio prexuízo ás mulleres dun país cunha alta convivencia coa violencia machista e as agresións sexuais, condenando a moitas delas a seguir adiante con embarazos impostos. O 28% dos embarazos no país corresponden a nenas e adolescentes de entre 10 e 19 anos, segundo a memoria de labores do Ministerio de Saúde 2018-2019.