Deputación de Lugo
Medio ambiente

O curso que imparte a UNED co apoio da Deputación sobre a xestión das reservas incluíu unha visita ás Insuas do Miño

Reserva da Biosfera
UNED
O Deputado de Participación Cidadá participou este luns na acción formativa A Reserva da Biosfera Terras do Miño e a Custodia do Territorio como ferramenta de conservación de territorios de alto valor ambiental coa que colabora a institución provincial

O curso, que se enmarca dentro das actividades impulsadas pola Deputación con motivo do 50 aniversario do programa MaB, pode seguirse nas modalidades presencial e online e outorga ao alumnado 0,5 créditos ECTS

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este luns no curso formativo que imparte a UNED coa colaboración da Deputación de Lugo sobre a xestión das Reservas da Biosfera. En concreto, asistiu a unha visita guiada ás Insuas do Miño, territorio propiedade da Deputación de Lugo e que forma parte da Reserva Terras do Miño.

Na visita explicáronse os valores da flora e da fauna deste territorio provincial, á vez que gravaron as indicacións para que o alumnado que seguiu a formación online puidese desfrutar da actividade.  

O curso, que se celebra no marco das actividades impulsadas pola institución provincial con motivo do 50 aniversario do programa MaB e que forma parte do programa da UNED Lugo Naturalmente, empezou a semana pasada. A Reserva da Biosfera Terras do Miño e a Custodia do Territorio como ferramenta de conservación de territorios de alto valor ambiental conta con 10 horas lectivas e outorga ao alumnado 0,5 créditos ECTS.

O curso, que pode seguirse nas modalidades online e presencial, continuará mañá cun encontro sobre A Custodia do Territorio como ferramenta de conservación das Reservas da Biosfera co representante da Asociación Galega de Custodia do Territorio e presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía, Óscar Rivas López. Tamén haberá un obradoiro onde o alumnado poderá coñecer Exemplos prácticos de Custodia do Territorio nas Reservas da Biosfera lucenses da man de Martiño Cabana Otero, da Asociación Galega de Custodia do Territorio.