Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente inaugura a escultura que rende homenaxe en Lugo aos profesionais da enfermaría

colexio oficial de enfermaría
estatua

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres unha escultura na Praza de Ferrol que rende homenaxe aos profesionais da enfermaría. Unha distinción que se fixo posible froito dun convenio de colaboración entre o Colexio Oficial de Enfermaría, a Deputación de Lugo e o Concello de Lugo.

Tomé Roca valorou a importancia do traballo e a profesionalidade do persoal sociosanitario que “nesta complicadísima tesitura convertéronse en verdadeiros heroes e heroínas, coidando ás persoas enfermas e acompañándoas nalgúns casos nos seus últimos momentos de vida porque os seus seres queridos non podían facelo”.

A institución provincial colaborou coa financiación da escultura de José Molares cunha achega de 15.000€. Tomé Roca sinalou que “é un orgullo colaborar con esta obra de homenaxe que simboliza o recoñecemento dos valores de profesionalidade, empatía, esforzo e sacrifico dun colectivo profesional, de mulleres e homes, que sempre ofrecen máis do que sería a súa obriga”. 

“A arte nos espazos públicos embelece e humaniza unha cidade, favorece o ordenamento urbano, pero neste caso, a arte é ademais a mellor maneira de expresar unha débeda de gratitude, e servirá como recordatorio permanente dunha actitude e dun comportamento que resulta exemplar para o conxunto da sociedade”, subliñou o Presidente.