Deputación de Lugo
Economía

A Deputación renova o apoio coas empresarias e emprendedoras lucenses nos IV premios Son Muller

Deputación de Lugo
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na presentación destes recoñecementos da Asociación de Mulleres Empresarias que “visibilizan e recoñecer o talento e o traballo que fai medrar a provincia de Lugo, especialmente o rural”

As empresarias e emprendedoras lucenses interesadas en participar poden inscribirse ata o día 25 de decembro. As bases e a información sobre o certame atópanse en www.empresariaslugo.org

A Deputación de Lugo impulsa un ano máis os premios Son Muller, da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), na súa cuarta edición. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou o valor destes recoñecementos que “visibilizan e recoñecer o talento e o traballo que fai medrar a provincia de Lugo, especialmente o rural”.

No acto, celebrado no Salón de Actos do CEI Nodus, tamén estivo presente a Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), Beatriz Varela Regueira, a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a responsable da Zona de Lugo de ABANCA, Zaira Dapena Castro, que participaron este xoves na presentación da IV Edición dos Premios Son Muller, organizados por AELU e que conta coa colaboración da Deputación e do Concello de Lugo.  

Rivera Capón sinalou que “a Deputación de Lugo apoia a organización destes premios de AELU, froito da liña de diálogo e colaboración fluída e permanente que mantén co tecido asociativo e profesional da provincia para impulsar o seu labor”. A Deputación colabora con estes recoñecementos cunha achega económica de 3.500€.

“A actividade e o esforzo destas mulleres son clave e un piar na dinamización económica da provincia. É un deber poñer en valor o importante labor que desenvolven, e máis se cabe na actual situación de crise sanitaria”, explicou o Deputado

As empresarias e emprendedoras lucenses interesadas en participar nos Premios Son Muller poden inscribirse ata o 25 de decembro. As bases e a información sobre o certame atópanse en www.empresariaslugo.org ou no 982.22.69.91. Estes premios están destinados a emprendedoras e empresarias lucenses, que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia, que estean dadas de alta como autónomas ou sexan parte dunha sociedade empresarial, así como que cumpran coas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

A entrega de premios ás gañadoras terá lugar nun acto previsto para o vindeiro 29 de decembro.