Deputación de Lugo
Innovación e TIC

A Deputación adxudica a dixitalización das 126.000 páxinas do BOP entre os anos 1834 e 1961

Deputación de Lugo
“Damos un paso máis para aumentar a accesibilidade e salvagardar toda a información que recollen estes documentos, que conforman unha parte moi importante do patrimonio e da historia da nosa provincia”, destacou a voceira socialista do Goberno

A voceira socialista do Goberno Provincial, Pilar García Porto, informou tras a Xunta de Goberno deste venres da aprobación da adxudicación dos traballos para dixitalizar as 126.000 páxinas do Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo entre os anos 1834 e 1961. Estas tarefas foron adxudicadas a Vinfra S.A. por un importe de 33.388,74€. O material deberá ser entregado á institución provincial nun prazo máximo de 95 días naturais dende a sinatura do contrato.

“Damos un paso máis para aumentar a accesibilidade e salvagardar toda a información que recollen estes documentos, que conforman unha parte moi importante do patrimonio e da historia da nosa provincia, ao conter datos de interese xeral”, destacou García Porto. 

Esta actuación, que se suma aos Boletíns xa dixitalizados dende o 2003, está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Mellora do Pazo de San Marcos

A Xunta de Goberno acordou volver a sacar a contratación, neste caso a través dun procedemento negociado sen publicidade, as obras de rehabilitación e mellora da fachada do Pazo de San Marcos, despois de que o proceso aberto de licitación xa convocado quedase deserto. As obras contan cun orzamento base de licitación de 120.000€ e cun prazo de execución de 3 meses. 

A voceira socialista do Goberno lembrou que estas melloras consistirán na limpeza da fachada e da súa mampostería, o saneamento de fisuras e grietas, a eliminación de  humidades e de filtracións de auga e o pintado das paredes. Tamén se colocarán na fachada unhas letras en aceiro pintado co texto Deputación Provincial de Lugo, que xa existían antes da remodelación da Praza de San Marcos.

García Porto destacou que “con todas estas actuacións, ademais de garantir a conservación da sede provincial, tamén contribuiremos a darlle unha maior prestancia a este edificio histórico, que é emblemático no conxunto do patrimonio monumental da cidade e da provincia de Lugo”.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato para a prestación de servizos de colaboración coa intervención provincial no exercicio de actuacións de control financieiro en materia de subvencións, dentro do Plan Anual de Control Financieiro.