Deputación de Lugo

O Presidente loa o traballo dos sanitarios durante a pandemia na toma de posesión da directiva do Colexio de Médicos

Deputación de Lugo
José Tomé Roca agradeceu o labor do grupo saínte e felicitou ao novo equipo polo seu paso adiante, que “demostra un compromiso social encomiable”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, loou este venres o traballo dos sanitarios durante a pandemia no acto de toma de posesión da nova directiva do Colexio Oficial de Médicos da Provincia. O acto, que tivo lugar no salón de actos da sede do Colexio, estivo presidido polo presidente en funcións da directiva saínte, Manuel Boquete París, e tamén contou coa participación de representantes das diferentes administracións.

“Quero agradecer e recoñecer o traballo desenvolvido pola directiva saínte, ó longo dun período especialmente duro e complicado no ámbito sanitario, e, ó mesmo tempo, poñer en valor o paso adiante dado polos membros do novo equipo”, dixo Tomé Roca. O mandatario provincial expuxo que “a decisión que tomaron sempre leva consigo unha carga de traballo engadido, máis responsabilidade, e, nestes momentos nos que aínda estamos loitando contra a pandemia, demostra un compromiso social encomiable”.

Tomé puxo en valor o traballo do persoal sanitario durante a crise da Covid-19, que está a ser “exemplar” e agradeceu que “estiveron, e seguen a estar, na primeira liña da loita contra o virus, atendendo ás persoas enfermas e proporcionando información sobre os riscos da Covid, o mecanismo dos contaxios ou a importancia da vacinación”.

Sinalou o Presidente que “a pandemia volveu a poñer de manifesto a importancia do traballo que fan organizacións ou colexios profesionais coma este, que son un dos mellores canais para transformar a opinión dos expertos sanitarios en medidas concretas que sexan de proveito para toda a sociedade” e comprometeuse a seguir traballando para manter abertas as canles de colaboración entre a Administración e os expertos sanitarios porque “é a mellor maneira de impulsar políticas públicas acertadas no ámbito da sanidade”.