Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación participa na clausura dos talleres de ASPALU cos que colabora para mellorar a vida das persoas con Párkinson

ASPALU
Párkinson
Asociación Párkinson Lugo
O Deputado de Promoción Económica e Social sinalou a importancia desta acción, que se enmarca na axuda de máis de 7.000€ que a institución provincial destina para o programa de motivación para a saúde deste enfermidade na anualidade 2021

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns no acto de clausura dos talleres que a Asociación Párkinson de Lugo (ASPALU) organizou en colaboración coa Deputación de Lugo na Casa de Clara Campoamor, no parque da Milagrosa. Esta actividade, destinada a mellorar a calidade de vida dos usuarios e usuarias do colectivo con diferentes actividades, enmarcouse no programa de motivación para a saúde 2021 deseñado por ASPALU e para o que a institución provincial achegou 7.000€ na anualidade 2021.
 
“Esta é unha acción importante encamiñada a mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas que padecen esta enfermidade”, sinalou o responsable provincial, que engadiu que “dende a Deputación de Lugo colaboramos con esta iniciativa porque sabemos da importancia de que estas persoas sigan sendo socialmente activas, algo que contribúe a mellorar o seu estado de ánimo e a súa autoestima”.
 
Rivera Capón expuxo que “as Políticas Sociais son, desde o inicio do mandato, unha das prioridades do Goberno provincial e o  impacto da pandemia fixo que reforzásemos aínda máis esta aposta. Non só mantendo e ampliando a nosa rede de centros de atención a maiores na provincia e colaborando coa prestación de servizos básicos como a Teleasistencia ou a Axuda no Fogar; tamén apoiando, como é este caso, ao asociacionismo da provincia para que poida desenvolver as súas propias iniciativas”.
 
O Deputado tamén puxo en valor e agradeceu o labor que ASPALU vén desenvolvendo na provincia de Lugo dende o ano 2008.
 
O Programa Motivación para a Saúde na Enfermidade de Parkinson 2021 ten como obxectivo mellorar o aspecto psicolóxico, podolóxico e de logopedia dos e das pacientes. Os talleres de cestería, manualidades e costura ou lectura comprensiva que se clausuraron este luns desenvolvéronse ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro deste ano.