Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O Presidente: “O traballo dos criadores de capón de Vilalba representa o mellor das nosas tradicións e é parte das fortalezas do noso futuro”

Feira do Capón
Vilalba
José Tomé Roca destacou este martes o apoio da Deputación a actividade agrogandeira na entrega de premios da Feira do Capón, que reuniu máis de 1.200 exemplares duns 40 criadores logo dun ano de parón pola pandemia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, visitou este martes a Feira do Capón de Vilalba, onde participaron preto de 40 produtores que se encargaron da crianza dos 1.200 exemplares que se puxeron á venda na carpa da Praza da Constitución. O Presidente, que participou tamén na entrega de premios, resaltou a importancia do sector agrogandeiro para a  provincia e o apoio da institución provincial a esta actividade económica estratéxica para o territorio. 

Na súa intervención, Tomé Roca sinalou que “o capón é un produto de calidade, elaborado dun xeito artesanal. Un produto que fala da nosa cultura, das nosas raíces, pero tamén da nosa capacidade para apostar por un sector primario que aporta produtos de primeira calidade para o mercado e para a gastronomía” e puxo en valor o traballo dos criadores de capóns, que “representa o mellor das nosas tradicións e, tamén, representa parte das fortalezas do noso futuro”. O Presidente engadiu tamén que “a gastronomía é unha fonte de riqueza e un reclamo de cara ó turismo”.

Esta feira da localidade chairega “é un exemplo pola súa capacidade para atraer visitantes e por interesar en todos os puntos de España”, destacou o mandatario provincial. Tomé sinalou que o capón é “recoñecido e apreciado” e apuntou a necesidade de “seguir traballando, como está a facer o Concello de Vilalba, para potenciar actividades de promoción e de impulso arredor do capón e do sector agroalimentario, porque iso é traballar para dinamizar a economía”. “O apoio á actividade agrogandeira é unha das nosas principais liñas de traballo na Deputación de Lugo. Este sector é estratéxico para a nosa provincia, forma parte da nosa esencia, do que somos, e supón unha das máis importantes oportunidades para impulsar o desenvolvemento social e económico, sobre todo do noso rural”, expuxo o Presidente, que aproveitou tamén a ocasión para felicitar aos premiados e criadores.

Ademais de ser coñecido en todo o país pola súa calidade, o Capón de Vilalba é un produto moi valorado nestas datas, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida.