Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación achega 50.000€ ao Concello de Ribeira de Piquín para comprar unha retrocargadora para usos municipais

Ribeira de Piquín
convenios
O Presidente asinou co Alcalde un convenio de colaboración incorporar ao parque móbil da entidade local este novo equipamento, que se dedicará ao mantemento de vías e acceso aos núcleos rurais, zonas verdes e espazos públicos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, un convenio de colaboración que ascende a 50.820€ para a adquisición dunha retrocargadora para usos municipais. A Deputación destina 49.320€ e o Concello a contía restante, 1.500€.

Esta retrocargadora incorporarase ao parque móbil municipal. Servirá para a limpeza de vías e de accesos aos núcleos rurais desta localidade, para mantemento das zonas verdes e espazos públicos e para dar apoio naquelas actuacións que se consideren necesarias.

Esta nova colaboración económica de 50.000€ que fai agora a Deputación de Lugo con Ribeira de Piquín súmase, entre outras, ao investimento de preto de 250.000€ que inxecta no Concello a través do Plan Único. 

Así mesmo, a institución provincial xa colaborou na adquisición de máis maquinaria municipal, como é o caso dun novo tractor ao que destinou 130.000€.

A cooperación cos 67 concellos da provincia é unha das liñas de actuación prioritarias da Deputación de Lugo, contribuíndo deste xeito a que as entidades locais poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas.