Deputación de Lugo

A Deputación colabora co Real Aeroclub de Lugo con 30.000€ para mellorar a depuración das piscinas da entidade

O Presidente asinou co colectivo un convenio para contribuír a financiar estas obras que renovarán estas instalacións situadas en Mondriz, en Castro de Rei, e das que desfrutan os socios e socias e a veciñanza da Terra Chá

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira Mayor, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para renovar as instalacións da depuración das piscinas que a entidade ten nas súas instalacións de Castro de Rei. A institución provincial achega 30.000€ para estes traballos, que ascenden a 94.495,29€, asumindo a cantidade restante o propio colectivo. 

O Club conta con dúas piscinas, unha grande e unha pequena, nas súas instalacións de Mondriz, ao carón do aeródromo de Rozas. Os traballos  de mellora consisten na renovación dos equipos de filtración, desinfección, circuíto hidráulico, instalación eléctrica, electrólisis e regulador de PH das piscinas para que cumpran coa normativa vixente. Actualmente este sistema é antigo e non funciona axeitadamente.  

A Deputación de Lugo colabora con estas obras co obxectivo de manter viva a afección aeronáutica que desfruta destas instalacións, ás que non só teñen acceso os socios e socias, senón que tamén acude a veciñanza da Terra Chá.