Deputación de Lugo

A Deputación achega 90.000€ ao Concello de Xermade para rehabilitar a estrada de Rebuxentos

convenios
Xermade
estradas
O Presidente e o Alcalde asinaron un convenio no Pazo de San Marcos por importe total que supera os 115.200€ coa finalidade de reparar esta vía, que comunica diferentes núcleos rurais con dúas estradas provinciais que vertebran o municipio

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, asinaron un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achegará 90.000 euros para a reparación dunha estrada na parroquia de Rebuxentos. Trátase duns traballos importantes para mellorar as comunicacións no municipio e que contarán cun investimento total que supera 115.200€.

As obras previstas consistirán na mellora da capa de rodadura, corrixindo tamén as deficiencias estruturais que presenta a vía. Os traballos inclúen ademais a limpeza de marxes e cunetas e a súa sinalización. O prazo de execución destas actuacións é de dous meses.

Situada na parroquia de Piñeiro, a estrada de Rebuxentos é á vía que conecta a LU-P2204 de Momán ás Pontes coa LU-P-2208 de Mazandoi a Porto Souto e que da servizo a varios núcleos rurais. Trátase dunha actuación importante porque a veciñanza utiliza este camiño para acceder a estas estradas provinciais que vertebran o municipio.

A Deputación vén de arranxar a LU-P-2204 que conecta a parroquia de Momán, en Xermade, coas Pontes de García Rodríguez, cun investimento de cerca de 1M€. 

Tomé Roca destacou que “asegurar unhas boas comunicacións entre os concellos rurais e entre estes e as zonas urbanas, algo fundamental para o desenvolvemento equilibrado do territorio, para a igualdade de oportunidades, e polo tanto, para manter a poboación”.

Ademais desta colaboración económica para impulsar o turismo durante as datas de Nadal, a Deputación achega ao Concello de Xermade máis de 300.000€ a través do Plan Único deste ano 2022 para desenvolver actuacións municipais.