Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente supervisa as obras de mellora viaria e creación do estacionamento do Parque Central de Galicia

parque central de Galicia
Antas de Ulla
José Tomé Roca inspeccionou este mércores xunto coa Deputada de Promoción do Territorio e Turismo a execución das tarefas de aglomerado da área de aparcadoiro e da estrada LU-P-0301, que dá acceso a este gran espazo público que impulsa a Deputación

As obras do estacionamento e a adecuación do acceso ó Parque, nas que a institución inviste 250.000€, estarán terminadas nas vindeiras semanas

Ao mesmo tempo, a Deputación ten en fase de licitación por case 1,4M€ o proxecto que inclúe un pórtico de entrada visible dende a estrada provincial, unha praza e un monolito situado xusto no centro xeográfico de Galicia, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil, fontes, iluminación, sinalización e mobiliario urbano

Co Parque Central de Galicia, a institución provincial quere poñer en valor o centro xeográfico galego, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, co obxectivo de que sexa un revulsivo para o concello, para a comarca e para a provincia polo seu atractivo turístico, creando emprego e actividade económica

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisaron este mércores as tarefas de aglomerado que se están acometendo no marco do proxecto de acondicionamento dunha zona de aparcadoiro e de mellora do acceso e do entorno do Parque Central de Galicia, a iniciativa que impulsa a institución provincial co obxectivo de poñer valor o centro xeográfico da comunidade autónoma, situado no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, e convertelo nun revulsivo económico e turístico para o concello, a comarca e a provincia.

José Tomé avanzou que estas obras para crear un estacionamento e a adecuación do acceso ó Parque, nas que a institución provincial inviste 250.000€, estarán terminadas nas vindeiras semanas.

Por unha banda, acondiciónase unha zona de estacionamento, que contará con 21 prazas para coches e dúas para autobuses, ademais de prazas para motos e bicicletas, incluíndo espazos reservados para persoas con mobilidade reducida. A área terá viais, amplos espazos para poder xirar, sobre todo os autocares, e nela intégranse os carballos americanos que hai polo borde da finca que linda coa estrada, o que fará sombra para resgardar os vehículos nos meses de calor.

Por outra banda, o proxecto inclúe a mellora da seguridade viaria coa adecuación do acceso e do entorno do Parque, na LU-P-0301, de Antas a Rodeiro, no tramo que vai do punto quilométrico 3,490 a 3,700. As obras consisten no ensanche da estrada ata os 6 metros co fin de dotala de dous carrís de circulación diferenciados e facilitar o acceso das persoas que usan a vía. Ademais de botar aglomerado neste treito, acondiciónanse itinerarios independentes do tráfico rodado cunha barreira de separación de árbores creando beiravías, e instalarase sinalización horizontal e vertical, e a correspondente iluminación. 

Rematada a silvicultura e a sementeira

O Presidente tamén comprobou hoxe o resultado dos traballos de silvicultura, laboreo, fertilización e sementeira de céspede do Parque Central de Galicia, para o que se optou por unha fórmula pratense para a plantación do céspede baseada en especies de fácil adaptación ao terreo, que resisten ben o tránsito de persoas, que se recuperan ben despois da seca do verán e que perduran durante bastante tempo sen que se deteriore a súa calidade. Elixiuse unha mestura de diferentes especies de gramíneas para asegurar que se reparte da maneira máis idónea e equitativa ao longo de toda a extensión, e lograr así un correcto desenvolvemento da sementeira. As especies elixidas son lolium perenne nun 50%, festuca rubra  nun 30%, poa pratensis nun 15% e agrostis capillaris, nun 5%.

En fase de licitación

Por outra banda, a Deputación de Lugo ten en fase de licitación por un importe de case 1,4M€ o proxecto que inclúe un pórtico de entrada visible dende a LU-P-0301, unha praza e un monolito situado xusto no centro xeográfico de Galicia, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e dúas fontes, ademais da iluminación, sinalización e mobiliario urbano.

No lugar no que se sitúa o centro xeográfico de Galicia construirase unha praza na se levantará un monólito colocado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Ao seu lado dereito construirase un templete, unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre. Ao lado esquerdo do monólito, está prevista a construción dun edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais ou medioambientais, e reunións, entre outras. 

O Parque Central de Galicia incluirá numerosos sendeiros para goce dos visitantes e persoas que se acheguen ata alí. Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, construirase un parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades. 

Con estas actuacións, que teñen un prazo de execución de 6 meses, cumprirase o compromiso do Presidente de ter finalizado neste ano 2022 este gran espazo público de lecer e natureza de 45.000 metros cadrados que impulsa a Deputación para poñer en valor o centro xeográfico galego, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, segundo determinou oficialmente o Instituto Xeográfico Nacional.

Un proxecto de provincia

O Presidente subliña que este “é un proxecto de provincia no que se vai poñer en valor un recurso natural moi importante coma este, que vai ser un revulsivo para economía de Antas e de toda a comarca da Ulloa pola súa capacidade de atracción turística, o que supón tamén unha aposta clara polo reequilibrio territorial, que vai ser útil para fixar poboación no rural, creando actividade económica e emprego”.