Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación distingue á promesa do tenis lucense Andrés Pereiro

tenis
andrés pereiro
José Tomé recibiu este venres ao deportista do Tenis As Termas, que vén de acadar o título de campión galego en categoría infantil individual e dobres, e DE conseguir o pase para o campionato de España que se celebrará en Logroño no mes de xullo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, recibiu este venres á promesa do tenis lucense Andrés Pereiro no seu despacho do Pazo de San Marcos. O deportista do club Tenis As Termas, de 14 anos e nado en Lugo, vén de acadar o campionato galego en categoría infantil individual e dobres. O título autonómico habilita a Pereiro para competir no Nacional, que se celebrará en Logroño no vindeiro mes de xullo e tamén acadou estes días pase para as semifinais do Rafa Nadal Tour.

“É un orgullo ver que hai futuro para os nenos e nenas que queren dedicarse ao deporte na nosa provincia”, dixo o Presidente, que felicitou a Pereiro polos seus éxitos deportivos e desexoulle o mellor para as vindeiras competicións.

O apoio ao deporte é unha das liñas de traballo destacadas da Deputación de Lugo, explicou o Presidente, “polos valores sociais tan importantes que promove, fundamentais para o progreso dunha sociedade, como son o esforzo, a constancia, a vontade de superación, o compañeirismo e o respecto aos demais”, pero tamén pola súa capacidade “para a promoción do territorio e do turismo”.