Deputación de Lugo
Innovación e TIC

A Deputación e a produtora ulloá Wasabi Films colaboran para seguir impulsando o sector audiovisual na provincia

SERVIZOS AUDIOVISUAIS
O Presidente, José Tomé Roca, asinou un convenio de cooperación educativa coa entidade grazas ao que estudantes do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da institución provincial melloran a súa formación con prácticas reais na rodaxe da curta No Nome do Amor

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co director de Wasabi Films, Xabier Mailán, un convenio de cooperación educativa entre a institución provincial e esta produtora da Asociación Cultural Eira dos Moitos. Esta entidade solicitou a participación do alumnado dos ciclos superiores de realización de proxectos audiovisuais e espectáculos e produción de audiovisuais e espectáculos do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais. 

José Tomé explicou que se trata “dunha iniciativa que lle permite ao alumnado facer prácticas en escenarios reais e aplicar nun proxecto o aprendido nas aulas. Esta colaboración forma parte das numerosas iniciativas coas que se asocia o Centro de Formación provincial”. Oito alumnos colaboran coa entidade ulloá na rodaxe da curta No Nome do Amor, “e, a parte deste convenio, tamén podemos adiantar que nos vindeiros días, outros tres alumnos, participarán na organización dos Premios Mestre Mateo como axudantes en distintas funcións”.

A Deputación de Lugo mantén un apoio decidido ao audiovisual, unha aposta pola cultura e pola economía, cun sector que non deixa de medrar, pero ademais, subliñou o Presidente, “a presenza de paisaxes da provincia nas salas, nos festivais e nas plataformas audiovisuais constitúe unha vía moi interesante e fructífera para a promoción do territorio”. 

O compromiso da institución co audiovisual quedou de manifesto en FITUR, onde presentou a campaña Lugo, Provincia de Cine, co dobre obxectivo de potenciar esta industria cultural na provincia como fonte de riqueza e de emprego, e tamén como factor para favorecer un modelo de turismo de calidade, sostible e que pon en valor o patrimonio material e inmaterial.