Deputación de Lugo
Economía

O Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte apoia ós xoves empresarios, que son exemplo de emprendemento

AJE
Monforte de Lemos
José Tomé Roca subliñou a importancia de investir na cultura emprendedora e na innovación empresarial no acto de entrega dos VIII Premios AJE Lugo, que se celebrou na tarde de hoxe no Parador de Monforte, e que serviu para recoñecer o valor dos novos empresarios e empresarias da provincia de Lugo.

No acto, organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Lugo, o Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte tamén puxo de manifesto o compromiso, “firme e decidido” de ambas administracións co sector empresarial.

“Un dos mellores investimentos que pode facer unha Administración pública é investir no talento das persoas e investir no fortalecemento, na diversificación e na competitividade do noso tecido empresarial. Porque empresa significa emprego, e emprego significa poder construír un proxecto vital”, salientou o mandatario municipal e provincial.

O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou na tarde de hoxe na inauguración do acto de entrega dos VIII Premios AJE Lugo, organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo no Parador de Turismo monfortino.

Na súa intervención, o rexedor municipal puxo en valor o compromiso de AJE “coa promoción e coa difusión da cultura emprendedora, coa innovación empresarial e coa creación de emprego” e recoñeceu a importancia dos empresarios e empresarias galardoados, que “representan o talento e a capacidade de emprendemento que precisa Monforte, a Ribeira Sacra, a provincia de Lugo e Galicia para progresar”.

Os Premios AJE constitúense coma unha mostra “do talento, das ideas e das oportunidades que ten a nosa xente nova e o noso territorio”, un territorio do que o Presidente insistiu en desterrar o calificativo de baleiro: “Non hai unha provincia de Lugo baleira, nin unha Galicia baleira. Hai unha provincia de Lugo e unha Galicia chea de talento, de ideas e de oportunidades”. 

Aposta polo investimento público no tecido empresarial
Do mesmo xeito, o mandatario municipal e provincial reivindicou o desenvolvemento de políticas públicas axeitadas para apoiar o potencial que as empresas teñen tanto a nivel local,  coma provincial e autonómico, algo que “dende a Deputación de Lugo e dende o Concello de Monforte temos moi claro”.

Así, José Tomé subliñou o seu “apoio firme e decidido” ó sector empresarial posto que “un dos mellores investimentos que pode facer unha Administración pública é investir no talento das persoas e no fortalecemento, a diversificación e a competitividade do noso tecido empresarial. Porque empresa significa emprego, e emprego significa poder construír un proxecto vital”.

O Presidente provincial tamén recordou o compromiso permanente de colaboración co tecido empresarial das dúas administracións que xestiona, compromiso que foi especialmente intenso coa chegada da pandemia da Covid-19, momento en que dende ambas institucións se puxeron en marcha  plans especiais de apoio ós sectores produtivos para axudar a paliar os efectos da crise sanitaria. “E fixémolo con recursos propios, porque as deputacións e os concellos non recibimos nin un euro extra para poder afrontar esta situación excepcional, ó contrario doutras administracións, como as comunidades autónomas, que sí recibiron cuantiosos fondos”, salientou Tomé Roca.

Na mesma liña, José Tomé destacou que o importante “é saber utilizar os recursos que temos con eficacia e con intelixencia, e neste sentido, os fondos europeos que conseguiu o Goberno de España para a recuperación e a transformación deste país son unha oportunidade histórica, que as administracións debemos aproveitar ao máximo para poñer a disposición da sociedade e da economía”.

Compromiso co desenvolvemento empresarial dende a Deputación de Lugo
O mandatario provincial resaltou a aposta que dende a Deputación de Lugo se fai polo emprendemento e polo valor engadido a través da transferencia de coñecemento ó tecido empresarial. 

Neste senso, destacou que “a Deputación de Lugo é, a día de hoxe, a institución provincial de toda España que fai unha maior aportación económica á Universidade pública”. Unha Universidade coa que a Deputación colabora en proxectos como o da Granxa Gayoso Castro, “que é un auténtico motor para un sector estratéxico para a provincia, como é o sector primario”, asegurou José Tomé. 

VIII Premios AJE en Monforte
O Presidente da Deputación estivo acompañado neste acto pola Presidenta de AJE Lugo, Noelia López López, o Presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo Fandiño, pola Subdelegada de Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez López, polo Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo Vicepresidente Segundo da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, entre outras autoridades, así coma un nutrido grupo de empresarios e empresarias locais e provinciais.
Os premiados e premiadas foron os seguintes:
-Na categoría de Accésit Innovación 2021: INNOGANDO
-Na categoría de Accésit Responsabilidade Social Empresarial 2021: MEDRAR SMART SOLUTIONS
-Na categoría de Premio Xove Iniciativa Emprendedora 2021: MFC.ARQ
-Na categoría de Premio Xove Empresario/a 2021: ESTATI.CO

O Presidente da Deputación de Lugo concluíu a súa intervención felicitando ós gañadores e gañadoras desta 8ª edición dos Premios AJE Lugo, ós que lles pediu “que sigan adiante coa súa idea de negocio, con empuxe e con  ilusión, para que nos axuden a configurar un tecido empresarial forte e de referencia na nosa cidade, na comarca e na provincia, que cree emprego e riqueza”.