Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación manda forza ás mulleres ucraínas na lectura do manifesto polo Día Internacional da Muller

8M
CONCENTRACIÓN
A Deputada de Muller e Igualdade sinalou na Praza de San Marcos “a violencia específica que a guerra sempre impón ás mulleres” e trasladou a total solidariedade e apoio da institución provincial a todo o pobo ucraíno logo da invasión rusa

O manifesto do 8-M da Deputación, aprobado por unanimidade no Pleno, incide en que “a igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, leu este martes na Praza de San Marcos a declaración institucional aprobada por unanimidade no Pleno do mes de febreiro da Deputación de Lugo con motivo do Día Internacional da Muller. No acto participou o Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, deputados e deputadas da Corporación Provincial e traballadores e traballadoras da institución. Na súa intervención, Loureiro aproveitou para mandar forza ás mulleres ucraínas “que están sufrindo a brutal ameaza e a violencia específica que sempre impón a guerra ás mulleres” e trasladou a total solidariedade e apoio da Deputación a todo o pobo ucraíno logo da invasión rusa.

“Queremos tamén manifestar a nosa total solidariedade e apoio ás mulleres ucraínas, que están sufrindo a brutal ameaza e a violencia específica que a guerra sempre impón ás mulleres”, sinalou Loureiro, engadindo que “dende a Deputación de Lugo condenamos sen paliativos a agresión de Rusia a Ucraína, esiximos o alto ao fogo inmediato e o retorno á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e acadar acordos de paz duradeiros”.

No manifesto do 8-M, lido pola Deputada, a institución reafirma o seu compromiso cos valores do feminismo, esenciais para acadar unha sociedade xusta, e incidindo en que “a igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”.

Dende esta fin de semana e ata o venres, 11 de marzo, pendurarán da fachada do Pazo de San Marcos pancartas en cor violeta en reivindicación da igualdade de homes e mulleres co lema Querémonos vivas, libres e iguais. Pola noite e ata o xoves, 10 de marzo, alumearase o edificio desa mesma cor, como símbolo da aposta firme e decidida da institución en defensa dos dereitos, liberdades e a seguridade das mulleres. 

Así mesmo, esta tarde, na concentración organizada pola Plataforma Feminista de Lugo Enchémolas rúas! prevista para as 20.00 horas na praza Horta do Seminario participarán deputados e deputadas. 

Con Voz de Muller 8-M
A Deputación de Lugo organizou esta pasada fin de semana o ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M, unha nova iniciativa celebrada por primeira vez este ano pola institución co fin de achegar aos concellos da provincia música en feminino nestas datas. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, destaca a boa acollida dos concertos, onde se contou o venres con Laura LaMontagne & PicoAmperio en Vilalba; o sábado, con Uxía na Fonsagrada e De Vacas en Taboada; e o domingo con Habelas Hainas en Barreiros. 

Actividades na Rede de Centros de Atención a Maiores
Ademais, a Deputación inaugura na rede de Centros de Atención a Maiores a exposición As nosas mulleres e proxecta un documental audiovisual polo 8 de marzo. Dúas actividades nas que os usuarios e usuarias xunto co cadro de persoal das sete residencias da institución –en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e Meira- traballaron dende mediados de febreiro.

A exposición consiste en diferentes biografías das mulleres que residen nos centros, amosando as súas principais virtudes e destacando a parte do corpo que máis lle gusta delas. Así mesmo, graváronse pequenas pezas audiovisuais onde se conta en primeira persoa quen é cada unha delas, repasando os seus principais fitos persoais e os gustos e afeccións, poñendo en valor aquelas características que as distinguen das demais. 

Na residencia de Pedrafita do Cebreiro gravaron un documental audiovisual co título Sen pelos na lingua, no que as persoas que residen no centro expresan e afondan sobre a igualdade, roles de xénero, violencia machista e outros temas que afectan ás desigualdades entre homes e mulleres. Unha produción que se proxecta hoxe en todos os centros de maiores da rede provincial para crear un momento de reflexión e debate arredor da temática. 

Con motivo deste 8-M tamén se fai nos centros a dinámica de grupo As mulleres de antes, de agora e sempre onde se implican os equipos de terapeutas ocupacionais e traballadores sociais.