Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia e o Río Breogán apoian a labor divulgativa de ALCER no Día Mundial do Ril

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
EFRÉN CASTRO
Deportes
Breogán
ALCER
DÍA MUNDIAL DO RIL

Esta mañá, coincidindo co Día do Ril, a Asociación para a loita contra as enfermidades de ril (ALCER), colocou unha mesa informativa na Praza de San Marcos, con diferentes materiais divulgativos para sensibilizar á cidadanía sobre os hábitos que contribúen á saúde renal.

O deputado de Deportes Efrén Castro e o responsable da área social do Río Breogán Salva Arco achegáronse ata o posto informativo para amosar o seu apoio a esta labor divulgativa, que terá continuidade no encontro que o equipo celeste dispute co Bilbao Basket no Pazo dos Deportes o vindeiro sábado (20.45 horas).

Ao abeiro do contrato de patrocinio entre o Río Breogán e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo,  o club difundirá a través das súas redes sociais e durante o encontro pautas orientadas ao fomento dos hábitos saudables e á prevención destas enfermidades. As mensaxes reforzaranse coa  presenza da mascota da asociación, Rili, no encontro, xunto a Máximus

Un chamamento á prevención no Día Mundial do Ril

Coincidindo coa efeméride,  desde ALCER recordan que “a prevención e o coidado da saúde debe ser unha das prioridades das políticas de saúde. Temos que evitar que as persoas desenvolvan unha enfermidade renal e cheguen a tratamento sustitutivo como a diálise ou o transplante, pois ten un elevado impacto na vida social, laboral, emocional e familiar”

Por todo iso, engade, “é clave a educación para a saúde renal en colexios, universidades e todo o sistema de saúde, mellorando así a calidade asistencial e aumentando o coñecemento na poboación xeral da enfermidade renal, para mellorar a atención e os coidados das persoas con enfermidade renal, os seus coidadores e familiares”.

Segundo os datos da asociación, as enfermidades de ril afectan a un 10-15% da poboación adulta, e o seu diagnóstico adoita ser tardío porque os síntomas tardan en manifestarse e recoñecerse.

Foto: Salva Arco e Efrén Castro xunto a María Jesús Otero, Chus Freijo e Ángela  Espinosa, presidenta, secretaria e traballadora social de Alcer, xunto á mesa informativa