Deputación de Lugo

O Presidente e o reitor da USC asinan un novo convenio que facilitará ao alumnado a realización de prácticas na Deputación

USC
Campus Terra
José Tomé Roca destacou que este acordo reforza a colaboración coa Universidade de Santiago e co Campus de Lugo, “un motor para a provincia”, e contribuirá a “seguir mellorando a formación dos alumnos e alumnas”

Ata o de agora, cada facultade interesada tramitaba un convenio específico coa Deputación, pero este acordo cubre a totalidade das titulacións oficiais de grao e máster que ofrece a Universidade, “co que ampliamos as posibilidades dos alumnos para facer prácticas e gañamos axilidade e eficacia” na tramitación, destacou o Presidente

As prácticas computarán para a obtención dos títulos co carácter establecido no plan de estudos. No caso das extracurriculares figurarán no expediente e no Suplemento Europeo ao Título, sempre que se realicen antes da finalización dos estudos

Ademais deste convenio, ao longo do curso xa melloran a súa formación 500 alumnos e alumnas de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior na Granxa Experimental de Leite da Deputación en Gayoso Castro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres no Pazo de San Marcos co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, un novo convenio de colaboración entre ambas entidades que facilitará ao alumnado a realización de prácticas na institución provincial. Este acordo permite vehicular a tramitación das prácticas dos estudantes da USC de todas as titulacións oficiais de grao e máster en calquera dos servizos da institución provincial.

José Tomé Roca explicou que a sinatura deste convenio “forma parte da extraordinaria relación de colaboración que vimos mantendo a Universidade de Santiago e a Deputación de Lugo, neste caso para mellorar a formación do alumnado con prácticas nos distintos servizos da institución provincial“.

O Presidente explicou que ata o de agora, cada facultade interesada tramitaba un convenio específico coa institución provincial, pero este acordo cubre a totalidade das titulacións oficiais que ofrece a Universidade. Un “convenio marco”, que permite que os alumnos de calquera facultade poidan facer prácticas na Deputación. “Desta forma, ampliamos as posibilidades dos alumnos para facer prácticas, e gañamos axilidade e eficacia porque este convenio serve para calquera facultade e para calquera servizo da Deputación, e xa non haberá que tramitar un por cada facultade”, valorou Tomé.

Lembrou o mandatario provincial que “a día de hoxe xa vimos mantendo unha colaboración moi importante en materia de prácticas coa USC, sobre todo na Granxa Experimental de Leite, onde ó longo deste curso melloran a súa formación 500 alumnos e alumnas de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior” e sinalou que “con este convenio reforzamos a colaboración coa Universidade de Santiago e co seu Campus de Lugo, que é un dos motores da provincia, tanto pola súa propia actividade, como pola transferencia de coñecemento que fai á sociedade e ó tecido económico, sobre todo ó sector primario”.

Grazas a este convenio, alumnado de calquera titulación oficial de grao e máster poderá optar a prácticas curriculares -contempladas nos plans de estudos-, traballos de fin de grao ou mestrado -segundo se contempla nos plans de estudos e demais normativa de aplicación- ou extracurriculares ou complementarias. Unhas prácticas que computarán para a obtención dos títulos co carácter establecido no plan de estudos e que no caso das extracurriculares figurarán no expediente e no Suplemento Europeo ao Título, sempre que se realizaran antes da finalización dos estudos.

Está previsto que haxa unha convocatoria de prácticas en cada curso académico, aínda que a súa realización poderá exceder o período ordinario do ano académico con data límite no 30 de setembro do curso seguinte.

Apoio decidido e continuado ao Campus Terra

O Presidente lembrou que a Deputación de Lugo “foi clave para crear o Campus de Lugo,  e segue sendo clave para manter, para mellorar e para ampliar a súa actividade”. “A día de hoxe, somos a Deputación de España que fai unha maior aportación económica á Universidade pública, o que demostra o noso nivel de compromiso co ensino superior público, universal e de calidade como unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado”, destacou o Presidente.

O ano pasado o Presidente e o reitor firmaron un convenio de colaboración económica por importe de 420.500€ -dos que a institución provincial achega 370.500€- para dar soporte de maneira transversal á actividade do Campus de Lugo. A maiores, a Deputación colabora coa Universidade en múltiples iniciativas e proxectos, como o da Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro.