Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación solicita 91.000€ de fondos europeos para a mellora do teitado das pallozas do Piornedo

Reservas da Biosfera
Ancares Lucenses
Reserva Terras do Miño
Este é un dos 26 proxectos que presentou a institución provincial á liña de axudas convocada con recursos da UE para órganos xestores das Reservas da Biosfera, entre os que tamén se inclúe un campus de emprendemento sostible

Para Os Ancares Lucenses axunta outras iniciativas como a actuación de mellora de soutos, que dá continuidade ao proxecto premiado na Copa España Creativa

En Terras do Miño a institución solicita fondos para a eliminación de especies invasoras e a mellora de espazos naturais, así como para a incorporación e mellora da sinalización do Mazo de Santa Comba e da Vía Romana XIX

A Deputación de Lugo decidiu concorrer á liña de axudas convocada con fondos da Unión Europea especificamente destinados aos órganos xestores das Reservas da Biosfera presentando un total de 26 proxectos valorados en máis de 1M€ para a conservación e mellora dos dous territorios protexidos pola UNESCO dos que é xestora, Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A Administración autonómica fai esta convocatoria con recursos procedentes do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia acadados polo Goberno de España para a saída da crise provocada pola pandemia.

A mellora do teitado das pallozas do Piornedo, en Cervantes, con palla de centeo nos anos 2022 e 2023 é unha das actuacións destacadas para as que a institución provincial pediu fondos europeos, en concreto, 91.000€.

Entre as propostas para a Reserva da Biosfera dos Ancares a Deputación tamén inclúe unha actuación de mellora dos soutos, que dá continuidade ao proxecto de recuperación e posta en valor de plantacións de castaños impulsado pola institución provincial que foi premiado na Copa España Creativa. A institución solicita máis de 200.000€ para desenvolver os traballos nos montes comunais de Vilaver e Donís, en Cervantes, e de Vilor, en Navia de Suarna.

A institución provincial contempla tamén a certificación Starlight para o territorio da Reserva da Biosfera dos Ancares e a mellora da sinalización de patrimonio cultural e recursos turísticos, como a Vía Romana XIX, o Castro de Santa María, en Becerreá, ou as Mámoas de Oural, Pena dos Mouros ou de Restelo, entre outros. 

Polo que respecta á Reserva da Biosfera Terras do Miño, os proxectos para os que a Deputación de Lugo solicita fondos europeos céntranse principalmente na conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais con melloras e a eliminación de especies invasoras. Neste caso, cun presuposto estimado que supera os 400.000€, a institución pide recursos para actuar na contorna da Lagoa de Caque, das Insusas do Miño, dos Ollos de Begonte e tamén en diferentes tramos dos ríos. 

Así mesmo, inclúe o deseño e execución do proxecto museolóxico e museográfico do Mazo de Santa Comba. Neste caso está proxectada a mellora da cartelería e a instalación de novos paneis, ademais da reparación dos solos e muros, cun orzamento aproximado de preto de 90.000€.

Campus de emprendemento sostible
Os proxectos presentados pola Deputación de Lugo para esta convocatoria de fondos europeos contemplan tamén a realización dun campus de emprendemento sostible para centros educativos e campus en aberto nas dúas Reservas coa finalidade de coñecer estes espazos naturais xestionados pola institución provincial.