Mónica Freire felicita a EFA Fonteboa polo Premio Aresa 2021 de Desenvolvemento Rural
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2022-03/IMG-20220311-WA0049.jpg)
A deputada de Medio Rural, do Mar e Mocidade, Mónica Freire, e a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, asistiron este venres á gala de entrega do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan o grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela e que nesta vixésimo segunda edición recoñeceu a labor do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco.
Mónica Freire destacou a “importancia deste tipo de proxectos educativos que ofertan unha formación de calidade, e que inciden directamente sobre o desenvolvemento rural formando man de obra cualificada para a xestión económica e técnica das granxas e ganderías”.
“Aínda que as nosas competencias en materia de educación agraria son moi limitadas, dende Medio Rural na Deputación tratamos todos os anos de apoiar o acceso á formación contínua e á potenciación dos cursos innovadores nas profesións dos principais sectores produtivos do noso agro, que sexan froito da planificación conxunta entre empresas, asociacións, cooperativas, entidades e a propia Deputación”, subliñou a deputada, que tamén valorou a importancia que estes galardóns teñen “para poñer en valor o traballo das persoas que traballan no sector agrogandeiro e promover unha maior autoestima entre a mocidade do rural”
"Programas de visitas guiadas desde os centros escolares ata as granxas ou de intercambio (Erasmus +) e prácticas nas propias granxas e iniciativas coma esta permien dignificar e poñer en valor o traballo dos nosos/as agricultores/as para que poidan coñecer o papel fundamental que teñen para o mantemento da biodiversidade, do territorio, da paisaxe e da tradición agraria como elemento identitario da nosa cultura. Temos que afastar o estigma social que os propios agricultores e gandeiras lle transmiten ás xeracións vindeiras”, concluíu.