Deputación de Lugo
Formación

O Presidente felicita a Antonio López no acto de toma de posesión como reitor da Universidade de Santiago

universidade de Santiago de Compostela
USC
José Tomé Roca asistiu este martes ao acto institucional celebrado no Pazo de Fonseca no que o catedrático de Dereito Financieiro e Tributario volveu asumir o cargo por outros catro anos
O Presidente da Deputación e o Reitor da USC

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este martes ao acto institucional de investidura do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, que se celebrou no Salón Nobre do Pazo de Fonseca de Santiago. 

Tomé Roca felicitou ao catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, Antonio López, quen renova este cargo por outros catro anos e auguroulle unha boa etapa chea de logros e boas novas á fronte desta universidade que conta con 27.000 membros, entre estudantes e profesorado. 

O equipo do reitor estará integrado por Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Política Científica; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización; Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado, e tamén polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga López; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Sindo Feijoo Costa; a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández; e a secretaria xeral, Dulce García Mella.

A Deputación, aliada do Campus de Lugo
O Presidente lembra a boa sintonía e ampla colaboración que a Deputación de Lugo ten coa Universidade de Santiago de Compostela, sobre todo co Campus de Lugo dende a súa posta en marcha. “A institución provincial foi clave para crear o Campus de Lugo, e segue sendo clave para manter, para mellorar e para ampliar a súa actividade”. “A día de hoxe, somos a Deputación de España que fai unha maior aportación económica á Universidade pública, o que demostra o noso nivel de compromiso co ensino superior público, universal e de calidade como unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado”, destaca o mandatario provincial.  

O ano pasado o Presidente e o reitor firmaron un convenio de colaboración económica por importe de 420.500€ -dos que a institución provincial achega 370.500€- para dar soporte de maneira transversal á actividade do Campus de Lugo. A maiores, a Deputación colabora coa Universidade en múltiples iniciativas e proxectos, como o da Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro.

Así mesmo, ambas institucións colaboran na posta en valor da Valgada do Campus Terra e, recentemente, asinaron un convenio para posibilitar que o alumnado da Universidade de calquera grao ou especialidade poida completar a súa formación con períodos de prácticas nas dependencias provinciais.