Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación triplica a súa colaboración coa MOEXMU con axudas por 33.000€

moexmu
Cospeito
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo presentou no Pazo de San Marcos xunto coa comisión organizadora a 38ª edición desta cita multisectorial, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de abril no recinto feiral Manuel Vila

Ademais das achegas económicas, a institución provincial doará dúas xatas da Granxa Gayoso Castro para esta cita de referencia no sector primario galego que se recupera tras dous anos de parón pola pandemia

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este venres no Pazo de San Marcos a programación da 38 edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), que se celebrará os días 1, 2 e 3 de abril no recinto feiral Manuel Vila. No acto participou o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e representantes da comisión organizadora, que asume a Asociación de Comerciantes Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta. En concreto, asistiron o presidente da MOEXMU, José Darriba Hermida; o coordinador da mostra, José Manuel Rus, e o presidente de AFRICOR e FEFRIGA, Manuel Sandamil Cabana.

García Porto puxo en valor a recuperación deste encontro despois de dous anos de parón debido á pandemia e felicitou por elo á organización, ademais de trasladarlle “o recoñecemento e o apoio” da institución provincial polo seu traballo e polo programa que prepararon.

A Deputada subliñou que este respaldo tradúcese “en medidas concretas”. Así, neste ano 2022 “incrementamos a colaboración económica que xa dende hai anos mantemos coa MOEXMU ata máis que triplicala, chegando desta forma aos 33.000€ entre distintas axudas, que se suman á doazón de dúas xatas da Granxa Gayoso Castro” para o certame, explicou García Porto, quen enmarcou este apoio “no compromiso firme” da institución provincial coa Mostra Exposición de Muimenta, “para que puidera recuperarse con forza”, pero tamén, engadiu, “é o reflexo de que todo o que ten que ver co noso rural e co noso sector primario é un eixo de traballo estratéxico, prioritario, para a Deputación de Lugo”.

Neste sentido, a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo mostrouse convencida de que as actividades relacionadas co impulso do sector primario, como é a MOEXMU, son fundamentais para apoiar a economía da nosa provincia, tanto polo retorno económico que ten de maneira inmediata a súa celebración en actividades como as do comercio e a hostalería e a propia actividade agrogandeira, como pola promoción e a proxección que fai, e que ten impacto tanto a medio, como a longo prazo”.

Así mesmo, García Porto destacou que “un sector primario forte, competitivo, de valor engadido e diversificado, é un dos elementos claves do futuro do noso rural e do conxunto da nosa provincia”.

A Deputada dixo confiar en que a MOEXMU atraerá “a milleiros de persoas e servirá para seguir consolidando unha cita que xa é todo un referente no sector agrogandeiro do noso país”.

Programa

A feira multisectorial, que conta cunha importante presenza de gando, maquinaria agrícola e gandeira e artesanía celebrarase os vindeiros días 1, 2 e 3 de abril no recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta. O programa para o 2022 inclúe concurso, exposición e poxa de gando frisón e rubio galego, sendo o único concurso de gando frisón que queda na comunidade autónoma. Este ano a MOEXMU tamén acollerá o Concurso Autonómico de Raza Frisona de Galicia, FERIGA 2022 na que participarán explotacións de toda Galicia. Está previsto que nesta edición participen más de 200 animais dunhas 30 explotacións das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña.