Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia as obras de mellora da vía provincial que vai de Sarria ao Páramo cun investimento de 75.700€

Rede provincial de estradas
Esta semana a institución provincial comezou os traballos de renovación do firme da estrada LU-P-5705 que afectan a un treito de 5 quilómetros, dende o punto quilométrico 7,7 ao 12,6

A vía conecta Mazadoiro e San Martiño da Torre por Escarlán, e dá servizo de maneira directa a uns 300 veciños e veciñas que viven nesta zona na que se atopan explotacións gandeiras e agrícolas

A Deputación de Lugo comezou esta semana as obras de renovación do firme da estrada LU-P-5705, que conecta os municipios de Sarria e O Páramo. Uns traballos aos que a institución provincial destina 75.700€.

As traballos consisten na limpeza de cunetas, pavimentación e sinalización vertical e desenvólvense nun treito de preto de 5 quilómetros, dende o punto quilométrico 7,7 e o 12,6.  O prazo de execución é de 9 meses, pero estímase que se as condicións meteorolóxicas son favorables as obras poderán estar rematadas con anterioridade. 

Esta vía une Mazadoiro e San Martiño da Torre por Escarlán, entre Sarria e O Páramo. Conecta uns 15 núcleos da comarca de Sarria nos que viven uns 300 veciños e veciñas, dando acceso directo a diferentes explotacións agrícolas e gandeiras, polo que as obras supoñerán un beneficio importante para a veciñanza e para os negocios da zona.
 
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, salienta a importancia destes traballos e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”. 

A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.