Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación impulsa a Semana Santa de Lugo como referente cultural na provincia

Semana Santa
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na presentación do programa desta cita, que recupera o seu esplendor tras dous anos de crise sanitaria. A institución provincial colabora con 17.000€

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na  presentación do programa da Semana Santa de Lugo, unha cita que recupera “o seu esplendor” tras dous anos de crise sanitaria. No acto tamén participaron a Concelleira de Economía e Recursos Humanos de Lugo, Paula Alvarellos; os representantes da Xunta de Confrarías, Isabel Lagares e Ramón Basanta, e o bicario do bispado de Lugo, Mario Vázquez Carballo. 

A Deputación de Lugo colabora coas confrarías da provincia na posta en valor da Semana Santa “a través de iniciativas como as que teñen que ver coa restauración dos pasos. Colaboramos por todo o que a celebración da Semana Santa aporta á conservación das nosas tradicións, pero tamén por todo o que significa para a nosa cultura e, tamén, para a economía e o turismo”, sinalou Rivera Capón. 

A institución provincial achega a esta cita 12.000€ para a Xunta de Confrarías, á que se suma unha colaboración de 5.000€ para a procesión da Virxe da Esperanza, que se celebra o 11 de abril. O Deputado recordou que “Lugo ten unha Semana Santa única. Única porque a Catedral é a única con exposición permanente do Santísimo Sacramento e única tamén pola orixe medieval dalgún dos seus pasos”.

“É importante que todos sumemos esforzos para que esta Semana Santa sexa inesquecible para os que veñan a participar nela”, sinalou Pablo Rivera, e animou a que os visitantes “volvan ás súas casas con ganas de máis, de volver e de compartir a experiencia coas súas amizades”.