Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación saca a concurso a explotación do restaurante do Mazo de Santa Comba e do Club Náutico Ponte do Sil

turismo
Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno deste venres deulle o visto bo a iniciar este procedemento de concorrencia pública para adxudicar por concurso a explotación destas dúas instalacións provinciais

García Porto: “O que pretendemos non é obter unha renda económica, senón promover o seu uso e manter activas as instalacións para que sexan aproveitadas pola cidadanía, e somos conscientes de que estas dúas infraestruturas están situadas en enclaves turísticos atractivos e en auxe”

A cafetería do Club Náutico foi mellorada nos últimos meses cun investimento de preto de 40.000€ para a instalación dunha estación de depuración de augas e tamén para a colocación dunha plataforma elevadora para avanzar en accesibilidade

Adxudicadas as obras de mellora da vía provincial LU-P-1906, que comunica A Fonsagrada con Ribeira de Piquín por preto de 100.000€. A estrada une os núcleos de Pedrafitelas con Os Cangos, pasando por Vilares

Aprobada a adxudicación do servizo de limpeza de distintos edificios provinciais. O contrato faise por un ano por un importe de cerca de 460.000€, con opción a catro prórrogas dun ano cada unha

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe a apertura do procedemento de concorrencia pública para adxudicar por concurso a explotación as instalacións provinciais do restaurante do Mazo de Santa Comba, en Lugo, e do Club Náutico Ponte do Sil, en Monforte de Lemos. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. 

No caso do restaurante do Mazo de Santa Comba o prezo mensual fixado é de 400€, é dicir, 4.800€ ao ano. E no caso da xestión do Club Náutico de Ponte do Sil, o prezo mensual é de 450€ ao mes, é dicir, 5.400€ ao ano. Nos dous lugares, a Deputación avaliará para a súa adxudicación o prezo ofertado polas empresas, os investimentos en equipamento propostos para as instalacións, e a memoria técnica e xestión empresarial presentada. A concesión é por 2 anos, e con posibilidade de dúas prórrogas máis dun ano cada unha. Farase unha concesión demanial, o que significa que o gañador ou gañadora do concurso terá o aproveitamento privativo e temporal destes bens. 

García Porto explicou que coa apertura da convocatoria pública para a explotación destes dous bens da Deputación o que “pretendemos non é obter unha renda económica, senón promover o seu uso e manter activas as instalacións para que sexan aproveitadas pola cidadanía”. Avanzou que dende a institución provincial “somos conscientes de que estas dúas infraestruturas están situadas en enclaves turísticos atractivos e en auxe”, e recalcou que “con anteriores concesións situáronse como lugares de referencia para aquelas persoas que se achegan á provincia pola súa ubicación, atención e servizos”. 

Ademais, a Deputada incidiu en que “o seu funcionamento enriquece a oferta turística da provincia. Dende aquí, queremos animar a todas aquelas persoas que teñan a ilusión e ganas de dirixir e poñer en marcha estas dúas instalacións provinciais a que presenten as súas ofertas”. 

Con respecto á cafetería do Club Náutico de Ponte de Sil afirmou que a Deputación desenvolveu un conxunto de obras de mellora e regularización das instalacións. “Por unha banda, fixéronse as actuacións necesarias para instalar unha estación de depuración de augas ás que destinamos uns 23.000€. E, por outra banda, instalouse unha plataforma elevadora para mellorar a accesibilidade neste lugar cun investimento de 15.180€”, detallou a Deputada. 

O Club Náutico Ponte do Sil atópase ó carón do embarcadoiro da Deputación de onde parte unha das rutas en catamarán que a institución ten en funcionamento na Ribeira Sacra. Atópase nun lugar privilexiado con vistas ó río Sil, sendo o complemento perfecto para as persoas que desfrutan deste entorno fluvial. 

O restaurante Mazo de Santa Comba enmárcase nas instalacións do museo etnográfico da Deputación no municipio de Lugo, no lugar de Santa Comba.Está nun enclave atractivo que permite visitar un mazo co que se laminaba o ferro para despois traballalo, varios muíños e un serradoiro, todo isto movido polo río Chamoso. Ten dous comedores e está acristalado, permitíndolle á clientela desfrutar da paz e da tranquilidade que transmiten as augas do río Chamoso. 

Mellora nas comunicacións da Montaña
Noutra orde de cousas, a sesión deste venres aprobou a adxudicación das obras de mellora da estrada provincial que comunica A Fonsagrada con Ribeira de Piquín por preto de 100.000€. Este proxecto de acondicionamento da LU-P-1906 contempla obras nos 14,2 primeiros quilómetros desta estrada que une os núcleos de Pedrafitelas con Os Cangos, pasando por Vilares. 

As tarefas consistirán na limpeza de cunetas, reparación de afundimentos e defectos que presente o firme, repavimentación nos treitos que sexa necesario e instalación dunha barreira de seguridade en varios tramos do trazado. O prazo de execución é de tres meses.

Adxudicado o servizo de limpeza
Este venres a Xunta de Goberno sacou adiante a adxudicación do contrato para a prestación do servizo de limpeza de distintos edificios provinciais. A adxudicación faise por un ano e por un importe de cerca de 460.000€, con opción a catro prórrogas dun ano cada unha.

Servirá para dar atención ao Pazo de San Marcos, Arquivo, Centro de Interpretación, Centro de Cestería, Granxa Gayoso Castro e Granxa Experimental de Leite, Centro de Formación Audiovisual, Parque Móbil, Centro de Produción Audiovisual, e edificio número 11 da rúa San Marcos (sede da extinta SUPLUSA).

Fórum Lugo 2022
A Xunta de Goberno aprobou que a Deputación sexa a entidade coorganizadora do evento nacional Fórum Lugo 2022 e fixou un importe máximo para investir nel de 57.000€. “ Un evento que é un privilexio acoller no noso territorio e que de seguro será moi enriquecedor, á vez que suporá tamén un importante revulsivo económico para a provincia”, subliñou García Porta. 

Este evento celebrarase este ano na provincia de Lugo, logo de que a Deputación gañase a pasada edición da Copa España Creativa grazas a un proxecto de recuperación de soutos que desenvolvemos nos Ancares. 

Remanentes en Guntín
A sesión do Goberno deulle hoxe o visto bo á solicitude presentada polo Concello de Guntín para poder investir remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos do ano 2021 en novas actuacións. En concreto, reparará un camiño do núcleo de Vilar con 4.276€ achegados pola Deputación.