Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación colabora coa MOEXMU dentro do seu compromiso estratéxico co sector primario

moexmu
Muimenta
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participaron na apertura da 38ª edición desta cita multisectorial, que se celebra no recinto feiral Manuel Vila

A institución provincial triplicou a axuda económica ata os 33.000 euros, e, ademais, doou dúas xatas da Granxa Gayoso Castro para esta cita de referencia no sector primario galego que se recupera tras dous anos de parón pola pandemia

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participaron este venres na inauguración da 38 edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), que se celebra os días 1, 2 e 3 de abril no recinto feiral Manuel Vila. A institución provincial inviste 33.000€ en diferentes axudas nesta cita, chegando a triplicar a colaboración económica, e doa dúas xatas da Granxa Gayoso Castro.

García Porto puxo en valor esta feira “que xira arredor do gando, da maquinaria e da artesanía. Tres sinais de identidade do noso rural que temos que coidar para recuperar o sector e para seguilo consolidando como unha actividade económica estratéxica e de futuro para a provincia de Lugo”.

“Estamos convencidos de que as actividades relacionadas co impulso do sector primario, como é a MOEXMU, son fundamentais para apoiar a economía lucense, tanto polo retorno económico que ten en actividades como as do comercio, a hostalería ou a propia actividade agrogandeira, como pola promoción e pola proxección que fai, e que ten un impacto a medio e a longo prazo”, destacou a Deputada.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo sinalou que o traballo da Deputación de Lugo a prol do sector primario responde a un compromiso estratéxico. Neste sentido, recordou iniciativas como a Granxa Gayoso Castro, “onde desenvolvemos unha labor de impulso ás explotacións de carne e de leite que se viu reforzado hai case ano e medio coa posta en marcha da Granxa Experimental de Leite, un centro pioneiro en Galicia”.

Programa
A MOEXMU, que se celebra dende hoxe ata o domingo 3 de abril, conta cunha importante presenza de gando, maquinaria agrícola e gandeira e artesanía. O recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta inclúe no 2022 un concurso, exposición e poxa de gando frisón e rubio galego. Este ano a MOEXMU tamén acollerá o Concurso Autonómico de Raza Frisona de Galicia, FERIGA 2022 na que participarán explotacións de toda Galicia. Está previsto que nesta edición participen más de 200 animais dunhas 30 explotacións das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña.