Deputación de Lugo
Infraestruturas

As tarefas de aglomerado da estrada provincial de Pedrafita a Seoane obrigan a cortar o tráfico entre o luns e o mércores

PEDRAFITA DO CEBREIRO
Seoane do Courel
Rede provincial de estradas
Imaxe deputación de lugo
Os traballos forman parte do proxecto de mellora da vía entre os quilómetros 10,7 e 12,5 que acomete a Deputación cun investimento de 245.000€

As obras de mellora e ensanche que está acometendo a Deputación de Lugo no tramo que vai do punto quilométrico 10,7 ao 12,5 da estrada LU-P-1301, de Pedrafita do Cebreiro a Seoane do Courel, obrigan ao corte da estrada entre o vindeiro luns e o mércores. En concreto, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, é necesario cortar a circulación para acometer os traballos de estendido do aglomerado. A vía abrirase antes do mércores no caso de que conclúan as tarefas.

Neste tramo xa se acometeron os traballos de adaptación da rasante de varias curvas e a instalación dun tubo para executar a drenaxe transversal. O proxecto para a mellora deste treito contempla a ampliación da estrada, tarefas de drenaxe, afirmado, pavimentación, sinalización horizontal e vertical, e colocación de balizas de neve, paneis direccionais, fitos quilométricos, carteis e novos tramos de barreira metálica de seguridade. 

A Deputación inviste 245.000€ na mellora deste tramo da estrada provincial de Pedrafita a Seoane que vai do quilómetro 10,7 ao 12,5; ten adxudicada outra fase, do quilómetro 8,6 ao 10,7, neste caso por un importe de case 300.000€; e está redactando o proxecto para a terceira fase. Desta forma, ao finalizar este mandato, esta vía quedará completamente renovada.