A Deputación de Lugo presenta cinco xovencas da Granxa Gayoso á poxa de Pedrafita do Cebreiro
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2022-04/050422%20Poxa%20Pedrafita%20do%20Cebreiro.jpg)
O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e o de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, participaron este martes xunto ao Alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, o presidente da Asociación de Criadores de Gando Vacún (ACRUGA), César Dorado Pin, e outras autoridades, na Poxa de Xovencas de Raza Rubia de Pedrafita do Cebreiro celebrada no Recinto Feiral da localidade.
A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo presentou cinco exemplares de raza autóctona a este certame cun prezo de saída de 1.950 euros e que, de media, chegaron a venderse por uns 2.600 euros.
A Deputación de Lugo mantén unha estreita colaboración con ACRUGA, á que achega 1,4 millóns de euros entre 2014 e 2022 con dúas liñas de axuda. Por unha banda, con estas achegas realízanse axudas directas a explotacións lucenses polo primeiro parto das femias reprodutoras inscritas no rexistro xenealóxico; e por outra banda, a institución provincial mantén unha colaboración directa con ACRUGA para a recría e mellora xenética dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro.