Deputación de Lugo
Turismo

Coñece a túa provincia descubre ao Club Valle Inclán e a Albores de Monforte recunchos da Montaña e A Mariña

Coñece a túa Provincia
A Mariña
Montaña lucense
Preto de 50 veciños e veciñas da provincia participan este xoves nesta actividade da Deputación, grazas á que percorrerán os concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Lourenzá e Mondoñedo

Un total de 135 asociacións benefícianse das viaxes gratuítas pola xeografía lucense nesta segunda tempada da iniciativa coa que a institución provincial apoia a actividade do turismo, a hostalería e o comercio local

Preto de 50 veciños e veciñas dos concellos de Lugo e de Monforte gozaron este xoves de viaxes gratuítas pola Montaña e A Mariña gracias ao programa Coñece a túa Provincia da Deputación de Lugo.

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e a Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, déronlle a benvida aos socios e socias do colectivo Club Valle Inclán (Lugo), que iniciaron o seu percorrido coñecendo o Pazo de San Marcos para logo desprazarse ata A Montaña para coñecer a seimeira de Vilagocende e o museo comarcal da Fonsagrada, e tamén facer unha visita a unha adega. 

Pola súa banda, os usuarios e usuarias da asociación Albores Saúde Mental de Monforte visitaron o Centro de Produción de Audiovisuais da Deputación, onde foron recibidos polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. A súa viaxe emprendeu rumbo cara A Mariña para coñecer o Val de Lourenzá e Mondoñedo. Visitaron a igrexa parroquial do Mosteiro de Lourenzá e tamén o centro de interpretación da Faba e a cooperativa Terras da Mariña. Logo achegáronse ao casco histórico de Mondoñedo con paradas na Catedral, na Fonte Vella, o Seminario e outros puntos de interese da cidade episcopal.  

Un programa de provincia

Un total de máis de 3.000 persoas de 135 asociacións beneficiaranse das viaxes gratuítas pola xeografía lucense nesta segunda tempada da iniciativa coa que a institución provincial apoia a actividade do turismo, a hostalería e o comercio local. As saídas terán lugar en dúas quendas que permitirán coñecer a provincia en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro.  

Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas son realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa. 

Coñece a túa provincia - Albores